A portavoz de Política Social do Grupo Socialista, Noela Blanco, acusou hoxe ao PP e ao goberno galego de “discriminar” aos educadores sociais e de “amparar e promover o intrusismo profesional”. Así o dixo logo de coñecer o veto do PP a unha iniciativa que presentou hoxe en Comisión para reclamar o desenvolvemento dunha normativa autonómica que regularice a profesión.
Blanco reclamou unha Lei galega que supere a situación actual, “anacrónica e discriminatoria” actual cos profesionais da Educación Social e cos usuarios dos servizos públicos que requiren e teñen dereito a unha atención profesional especializada. A responsable socialista presentou unha proposición non de Lei dirixida a “visibilizar, dignificar e reivindicar o papel destes profesionais como axente de cambio na nosa sociedade”.
A responsable socialista sinalou a necesidade de regularizar esta profesión logo do malestar, ademais da “preocupación e incerteza”, que provocou entre estes profesionais a decisión da Xunta de abrir unha convocatoria de 90 prazas de Educador á entrada de profesionais doutras titulacións, como coñeceron o mes pasado.
Advirte que a falla de regulación desta profesión “fai que non estean claros os límites e o alcance da mesma, tanto nas entidades públicas, nas entidades privadas como no terceiro sector”. Por iso a proposta inclúe que nas ofertas públicas de emprego “se substitúa o posto de educador/a polo de educador/a social”, así como “limitar as convocatorias de emprego público a profesionais da Educación Social en exclusiva”.
A iniciativa asinada por Noela Blanco reclama ademais “regularizar a profesión da Educación Social en Galicia a través dunha Lei Galega da profesionalización da Educación Social”, e pídelle á Xunta que lle propoña ao Goberno central a elaboración dunha Lei de Profesionalización da Educación Social co fin de regularizar a profesión a nivel estatal.
A responsable socialista salientou a importancia desta profesión para “abordar necesidades sociais ás cales dan solución con actuacións específicas”, como por exemplo fronte aos problemas de convivencia, as novas modalidades de exclusión ou a necesidade dun reparto máis equitativo dos bens. Trátase ademais dunha profesión que debe estar ao servizo do cumprimento dos valores da igualdade, xustiza social e consciencia democrática, fundamentais do Estado de Dereito.
Sinalou que se trata dunha profesión “de carácter pedagóxico, xeradora de contextos educativos e accións mediadoras e formativas”, con importantes funcións, como a análise de contextos sociais e educativos, a contribución no desenvolvemento das capacidades das persoas ou xerar procesos de ensino e aprendizaxe.