A portavoz de Medio Ambiente do Grupo Socialista, Patricia Vilán, lamentou o veto do PP a unha moción socialista reclamando un Plan Autonómico de Descarbonización en apoio ás industrias e comarcas afectadas pola crise industrial. Vilán presentou no Pleno do Parlamento de hoxe unha iniciativa para pedir “medidas compensatorias para unha transición ecolóxica xusta”.
A responsable socialista lamentou a falla de apoio do PP a esta proposta dirixida a apoiar a un sector afectado precisamente pola suba do prezo das emisións de CO2 ditada pola UE en marzo de 2017 e apoiada polo goberno de Mariano Rajoy. Esta situación é a que provoca, dixo, que o 79 por cento das centrais de carbón europeas non sexan rendibles, e que os países máis afectados sexan Alemaña e España.
Explicou que as centrais de carbón “están a perder competitividade” precisamente polo alto prezo das emisións e polo abaratamento doutras fontes de enerxía, como o gas natual ou a eólica, o que levou a Endesa “e non ao goberno de España” –puntualizou- a adiantar o peche da térmica de Meirama cando tiña comprometido que ía manter a súa actividade ata 2030.
Esta decisión atopou ao goberno galego “sen Plan Autonómico de Descarbonización”, que era o que pedía a proposta socialista ao amparo do Plan Nacional Integrado de Enerxía e Clima, co horizonte de acadar unha economía neutra de carbono en 2030. Tamén reclamou o aumento do uso de materiais reciclados nas obras públicas co obxectivo de chegar ao 40 por cento antes de 4 anos.
Proposta
A proposta presentada hoxe polos socialistas galegos incluía a promoción de acordos e convenios con outras administracións para cofinanciar programas e accións concretas contra a crise climática e aprobar un plan de fomento das enerxías renovables e do autoconsumo no sector público.
Tamén pedía un plan completo de I+D+i para fomentar tecnoloxías e infraestruturas para a adaptación ao cambio climático, un estudo para o aseguramento dos efectos do cambio climático e unha mesa de traballo para a redución da contaminación lumínica.