O secretario xeral sinala que “o PP vai de mentira en mentira” nesta precampaña, coas entregas a conta, a industria ou o AVE, porque “sabe que ten perdidas as eleccións”
O futuro presidente da Fegamp avanza que será “o maior defensor do municipalismo galego” e reclamará “unha distribución xusta de competencias” e que a Xunta as acompañe de “partidas orzamentarias”
Santiago, 26 de outubro de 2019. O secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero, anunciou hoxe que Alberto Varela, alcalde de Vilagarcía de Arousa e membro da dirección do partido en Galicia, será o novo presidente da Federación Galega de Municipios e Provincias.
Tralo resultado “histórico” do PSdeG nas pasadas eleccións locais, tralas que goberna a máis da metade da cidadanía galega, correspóndelle aos socialistas a presidencia desta entidade e “queremos representar o noso compromiso co municipalismo na figura de Alberto Varela”, tal e como destacou Gonzalo Caballero.
“Gobernamos tres das catro deputacións, cinco das sete cidades, temos máis dun millar de concelleiros e concelleiras e máis dun cento de alcaldes e alcaldesas”, detallou o líder dos socialistas galegos, quen avanzou que a vicepresidencia executiva da Fegamp recaerá nunha alcaldesa do PSdeG.
En canto á elección do rexedor de Vilagarcía, Gonzalo Caballero explicou que “queremos amosar unha nova xeración que representa a Galicia que queremos para o futuro”. “É a referencia da capacidade de liderado dunha nova xeración que queremos contribuír a facer a mellor Galicia posible”, recalcou.
OS CONCELLOS SOCIALISTAS, “GARANTÍA” FRONTE Á XUNTA
Ademais, o máximo dirixente do PSdeG puxo en valor que Alberto Varela lidera “a segunda cidade con maioría absoluta” despois de Vigo, posto que logrou mellorar os resultados do mandato anterior. “Ten todo o referendo dun gran concello”, argumentou, antes de situar aos concellos socialistas como “a garantía para solucionar os problemas da cidadanía” aos que a Xunta non dá resposta.
Tamén tivo palabras Gonzalo Caballero para “a magnífica tarefa” levada adiante por Alfredo García, alcalde do Barco de Valdeorras, á fronte da Fegamp no mandato que agora conclúe. “Recoñecemos o seu compromiso municipalista e a súa magnífica tarefa”, sinalou, para explicar que “agora ábrese unha nova etapa” nun ente no que a presidencia sempre foi rotatoria.
Pola súa banda, Alberto Varela agradeceu “a confianza” amosada polo secretario xeral do PSdeG e salientou tamén o traballo da dirección saínte da Fegamp, con Alfredo García á fronte.
Na nova etapa, como asegurou, será “o maior defensor do municipalismo galego”. “Os concellos estamos moi acostumados a que a Xunta nos poña deberes e nos transfira competencias que nunca veñen acompañadas de partidas orzamentarias, así que defenderemos a autonomía local”, avanzou o alcalde vilagarcián.
“Somos a administración máis próxima á cidadanía e queremos unha distribución xusta de competencias, e que esas competencias, que cada vez asumimos máis os concellos, conten con fondos por parte da Xunta”, incidiu Alberto Varela, ao tempo que garantiu traballo para estar “á altura da confianza depositada” nel.
O PP, “DE MENTIRA EN MENTIRA”
En paralelo, trala xuntanza da Comisión Executiva Nacional Galega do PSdeG na que se materializou o nomeamento de Alberto Varela, Gonzalo Caballero sinalou que faltan 15 días para unhas eleccións xerais nas que “se decide o futuro do país, se decide se avanzamos da man do PSOE ou retrocedemos cunha coalición das tres dereitas”.
De feito, o líder socialista advertiu de que “onde lles dan os votos, suman”, como aconteceu en Madrid, en Murcia ou en Andalucía, e apuntou que pode chegar ao goberno de España unha forza como Vox, que “quere eliminar o dereito á interrupción do embarazo e os avances contra a violencia machista”, por poñer dous exemplos.
Por iso, os socialistas “faremos unha campaña de proximidade, percorrendo Galicia concello a concello” para dicir que “á cidadanía galega vaille ben cun goberno socialista que pensa nos intereses da maioría”. Precisamente mañá estará o presidente do goberno, Pedro Sánchez, na Coruña, o que supón “un elemento de impulso” para a mobilización do electorado progresista.
Mentres, criticou Gonzalo Caballero, “o PP vai de mentira en mentira” nesta campaña. “O PP de Feijóo inventa e mente de xeito continuo despois dos batacazos electorais que o deixaron sen rumbo”, incidiu, en referencia á “estratexia de confrontación” co goberno de Pedro Sánchez.
Aludiu así á reclamación de Feijóo das entregas a conta xa anunciadas polo ministerio de Facenda; ás súas “mentiras” sobre que a falta de compromiso do goberno de España coa industria galega, cando onte mesmo se aprobaron axudas por 25 millóns de euros para Alcoa San Cibrao; ou as referencias á chegada do AVE.
“Cando a Xunta pide a Ábalos que veña a explicar as datas do AVE é porque xa asume que vai seguir sendo o ministro de Fomento, porque xa saben que o PP ten perdidas as eleccións”, sinalou Gonzalo Caballero, ao tempo que destacou que “non hai un só segundo de retraso por decisión do goberno”.