A portavoz de Industria do Grupo Socialista, Begoña Rodríguez Rumbo, preguntoulle hoxe ao conselleiro de Industria “onde está a Xunta logo dos anuncios fraudulentos e as falsas promesas” para o naval galego. A responsable socialista reclamou a “folla de ruta” do goberno galego con relación ao estaleiro galego Barreras, en preconcurso de acredores logo da marcha da mexicana Pemex que veu a Galicia “da man de Feijóo”.
A responsable socialista sinalou ao presidente da Xunta como principal responsable do “conto de Pemex” que logo de sete anos “rematou abandonando Barreras e Galicia logo de moreas de proxectos anunciados por Feijóo”. Afeoulle que, logo de aplaudir a compra do estaleiro vigués á empresa mexicana en 2013, hoxe desenténdase da difícil da empresa, en preconcurso de acredores e cun marco temporal para a negociación que “estreita as marxes de manobra”.
Rodríguez Rumbo reclamoulle ao goberno galego que expoña os acordos acadados na reunión de onte cos sindicatos do estaleiro vigués e reclamou a constitución dunha mesa de traballo entre a empresa, os acredores e a Xunta para chegar a un acordo “antes do remate do prazo” do preconcurso.
A parlamentaria socialista preguntoulle ao goberno galego polos resultados daquela viaxe a México en 2012, da que volveu interrompendo a programación da TVG para asinar en directo un acordo con Pemex. Daquela, inmediatamente antes das eleccións autonómicas asinaba un acordo para construír buques, unha base loxística en Punta Langosteira, 2 floteis, 3 buques tanque, un atuneiro, un buque hotel, 2 quimiqueiros e varios remolcadores, entre outros.
Censurou a “demagoxia” do presidente da Xunta, que presentara aquela operación como “oportunidade histórica para Galicia” que suporía como mínimo 2.000 postos de traballo para os estaleiros de Ferrol cando en realidade “o máximo foi de 500 a pleno rendemento”, e agora deixando Barreras en dique seco.