A portavoz de Medio Ambiente do Grupo Socialista, Patricia Vilán, reclamoulle ao goberno galego un Plan Autonómico de Descarbonización nesta Lexislatura con “medidas reais e asignacións orzamentarias anuais concretas para mitigar e nos adaptar á crise climática”. Así o dixo no debate dunha interpelación na que censurou o desleixo do goberno galego fronte ao cambio climático.
A responsable socialista apuntou que Galicia “é aínda unha das reservas verdes de España, polo que, dando exemplo, está na obriga de actuar coa urxencia necesaria” e advertiu que “é preciso promover a toma de toda clase de accións reais” na loita contra a contaminación global. Urxiu así ao goberno galego a traballar co “horizonte de acadar unha economía neutra de carbono no 2035”.
Vilán propuxo así unha batería de medidas a favor da descarbonización, como o aumento do uso de materiais reciclados na obra pública, co obxectivo de chegar ao 40 por cento, a promoción de acordos e convenios con outras administracións, ou un plan de fomento das enerxías renovables e do autoconsumo enerxético no sector público galego.
Sinalou o “risco serio e real” das consecuencias da crise climática e afeoulle ao goberno galego que “mentres, adícanse a pedir que as térmicas sigan ata o ano 2050 ou defender o diésel a morte en lugar de apostar xa polo coche eléctrico”.
A parlamentaria socialista sinalou a advertencia da Comisión Europea, que vén de sinalar que os plans para cumprir co Acordo de París contra o cambio climático son “insuficientes”, e reclamou “un novo modus vivendi” reducindo as emisións de CO2 ao 55 por cento en 2050, e investimento para unha vivenda ou transportes máis eficientes.
Tamén reclama un novo pacto social ecolóxico apoiado na loita contra a desigualdade, e un novo modelo económico baseado na sustentabilidade, así como un marco normativo que inclúa a tódolos sectores clave, como o enerxético, a agricultura, o tratamento de residuos, a industria ou o turismo.