O Pleno do Parlamento aprobou hoxe unha proposición non de Lei do Grupo Socialista para reclamarlle á Xunta que active “coa máxima urxencia” os plans de continxencia para o Brexit. A portavoz de Facenda do Grupo Socialista, Teresa Porritt, demandou “medidas concretas” para afrontar as consecuencias económicas da probable saída do Reino Unido da UE.
Porritt quixo “chamar a atención” do goberno galego para que expoña “cales son as súas previsións no caso de que se confirme o Brexit sen acordo e active coa máxima urxencia os plans de continxencia nos ámbitos da súa competencia en coordinación co goberno de España”. Advertiu que mentres axentes como o goberno de España ou comunidades como Cataluña, Andalucía ou Murcia xa teñen plans de continxencia completos, nada se sabe dos plans do goberno galego.
A parlamentaria socialista advertiu mesmo que a Xunta está a facer caso omiso das recomendacións dos seus propios informes, que urxen a analizar as posibles repercusións do proceso e tomar medidas “lexislativas, administrativas ou de calquera outra índole”. Así o sinala o informe sobre impacto do Brexit elaborado pola Xunta e a Fundación Galicia Europa en febreiro de 2017.
Afeoulle ao goberno galego que puxera en marcha unha comisión interdepartamental “da que non saíu adiante ningunha medida concreta” para afrontar o novo escenario. Advertiu que “as medidas tiñan que ser para antonte, non para mañá”, diante da inminencia do proceso, e alertou de que máis alá de “informes e publicidade sen unha soa medida concreta”, o goberno galego é incapaz de presentar unha soa decisión para prever os efectos da saída do Reino Unido da UE.
Explicou a incidencia da saída do Reino Unido sobre a cidadanía, por canto actualmente hai alá máis de 14.000 galegos e galegas, e en Galicia residen preto de 2.000 británicos, así como ao sector da pesca, sinaladamente a flota galega con bandeira das illas Malvinas, que perdería a protección da UE. Tamén afectaría á exportación de automóbiles, o turismo, os sectores téxtil, da construción ou á industria transformadora e conserveira.
O exemplo do Estado
Emprazou ao goberno galego a seguir o exemplo do Goberno de España, que ten activado medidas de continxencia fronte ao Brexit, incluíndo á Delegación do Goberno en Galicia, que puxo en marcha a Comisión especial para o Brexit.
A Delegación ten implicado así a tódolos organismos da Administración Xeral do Estado que actúan en Galicia, así como á dirección territorial de Comercio, o Departamento de Aduanas e as áreas de Sanidade, Agricultura e Pesca, Traballo e Inmigración, Industria e Enerxía ou a Alta Inspección de Educación.
Texto da iniciativa aprobada hoxe:
– “O Parlamento de Galicia insta á Xunta de Galicia a activar coa máxima urxencia os plans de continxencia para o Brexit nos ámbitos da súa competencia, en coordinación co Goberno de España”.