Sinala que Feijóo “non ten solucións” para dar a Galicia “unha sanidade pública do século XXI” e reproba a súa falla de “sensibilidade” ao alegar que hai mortos porque as ambulancias están ocupadas
Santiago, 23 de outubro de 2019. O secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero, interveu hoxe na sesión de control para denunciar que Feijóo “perdeu a centralidade política porque non goberna respondendo aos problemas do país” e porque “está botado á viraxe do PP cara os pactos con Vox”.
Na súa quenda, o líder dos socialistas galegos sinalou a perda da centralidade de Feijóo en asuntos como os servizos públicos ou a xestión da política económica, ademais dos seus pactos coa ultradereita. “Fala de centralidade política, pero vive á marxe dos problemas do país” tras “25 anos subido ao coche oficial”, remarcou.
Así, reprobou que Feijóo diga que se unha persoa faleceu en Dozón tras 45 minutos agardando pola ambulancia é porque “os médicos e as ambulancias están ocupadas”. “Carece de sensibilidade social e de solucións”, incidiu Gonzalo Caballero, ao tempo que criticou que nin sequera “rectificase” os exabruptos do seu alcalde en Sanxenxo.
En paralelo, censurou a “falla de realismo” de Feijóo ao falar da situación da industria, toda vez que foi quen de afirmar que Alcoa representa “o 30% do PIB de Lugo”, o cal amosa un fondo descoñecemento económico. “Non ten nin o máis mínimo rigor”, afeoulle o presidente do Grupo Socialista no Parlamento.
VOX, “O PRINCIPAL ALIADO” DE FEIJÓO
A maiores, Gonzalo Caballero sinalou que “Feijóo preséntase como Gallardón, querendo aparentar moi moderno, pero representa á dereita reaccionaria”, pois ten a Vox como “o seu principal aliado” alí onde lles dan as contas. De feito, recordou como Feijóo avalou publicamente os pactos do seu partido coa ultradereita.
Porén, como sinalou o máximo dirixente do PSdeG, os datos que revelan que “máis do 60% dos galegos quere hoxe un cambio de goberno na Xunta” e que, no caso dos mozos de 18 a 29 anos, a porcentaxe dos que queren un novo goberno en Galicia supera “o 73%”.
Nese escenario, en vésperas dun acto de Abascal en Vigo, Gonzalo Caballero urxiu a Feijóo a “rachar” cos pactos do PP con Vox, baixo o aviso de que será “cómplice” desa situación se non o fai.
Ademais, o secretario xeral do PSdeG criticou a postura do PP en asuntos como a situación de Cataluña, non equiparable á posición que mantivo o PSOE mesmo na oposición. Naquel intre, recordou, o PSOE apoiou “con lealdade” ao goberno de Rajoy e hoxe segue “defendendo a Constitución”.
De paso, Gonzalo Caballero urxiu a Feijóo a “pedir desculpas” á cidadanía por falar “durante meses” de que Pedro Sánchez faría “un goberno Frankenstein” para manterse á fronte do goberno a través de calquera tipo de pacto. “Diante da realidade, as súas falsidades”, concluíu.