O portavoz de Educación do Grupo Socialista, Luis Álvarez, acusou hoxe á Consellería de Educación de “negar a realidade” dos problemas do inicio do curso escolar derivados dos retrasos nas obras e a falla de profesorado. Así o dixo na comparecencia da conselleira para dar conta do comezo do curso escolar que, sinalou Álvarez, “plantexou máis problemas que noutras ocasións”.
O responsable socialista apuntou que “o problema foi precisamente a negación da existencia de problemas”, o que, dixo, “non conduce a ningún sitio máis que a enconar” a situación. Ademais, criticou a “aversión á participación dos actores educativos na planificación da vida da Consellería de Educación”, en alusión ao desleixo co que trataron ao Consello Escolar, sen reunirse dende o 2 de xuño cando levaba 36 anos reuníndose dúas veces ao mes.
Álvarez acusou á Xunta de ter consignado nos orzamentos “un número de profesores superior aos que realmente prestan servizo”, o que deriva en “tensionar” o traballo dos profesionais e polo tanto empeorar a calidade do servizo. Sinalou que a Xunta xestionou os recursos humanos “na tendencia contraria” ao reducir o número de profesionais un 2,11 por cento entre 2009 e 2019, con 1.274 profesores menos, mentres no Estado aumentaron un 3,83 por cento.
Neste sentido, reclamoulle ao goberno galego que leve a cabo a redución de horarios dos docentes galegos, e criticou que poñan como escusa a modificación do Real Decreto que permite a transferencia de fondos cando “outras comunidades autónomas xa procederon á redución de horarios”.
O responsable socialista reclamoulle á conselleira unha “resposta eficaz á realidade das escolas rurais” e instou a revisar a ratio de alumnos para proceder ao peche das mesmas e paliar a penalización á “Galicia baleirada” tamén con menos servizos educativos.
Lembrou a urxencia de recuperar o modelo de libros de texto gratuítos posto en marcha polo goberno presidido polo socialista Emilio Pérez Touriño e cancelado por Núñez Feijóo para impoñer un modelo de préstamo máis caro para o goberno galego e que ademais deixou de ser universal.
Finalmente, chamou a avaliar a política de igualdade nos centros educativos, afeándolle á conselleira que se teñan negado ata en tres ocasións a apoiar iniciativas socialistas no Parlamento para avaliar o programa de Igualdade.