O secretario xeral sinala que “Feijóo non cumpre cos servizos públicos nin coas cidades” e critica que faga “promesas cando lle quedan 11 meses á fronte da Xunta”
Inés Rey destaca que Feijóo “acórdase da Coruña no tempo de desconto” e subliña que á cidade “sempre lle foi mellor con gobernos socialistas” na Xunta e no Estado
A Coruña, 17 de outubro de 2019. O secretario xeral, Gonzalo Caballero, visitou hoxe A Coruña en compañía da alcaldesa da Coruña, Inés Rey. Dende alí, sinalou que “ás cidades non lles foi ben con Feijóo” e avanzou “un compromiso de primeiro nivel” coa urbe herculina cando haxa un goberno progresista á fronte da Xunta.
Durante o encontro con Inés Rey, Gonzalo Caballero visitou o IES Monelos, un centro que exemplifica “a falta de compromiso de Feijóo coa educación pública”, que tralos 11 anos do goberno do PP na Xunta queda “con menos docentes e con menos unidades”.
E se son moitas as “dificultades” que Feijóo deixa na educación pública, non é menos a “crise” que deixa no eido sanitario: “déficit de médicos de atención primaria, menos camas hospitalarias…”, enumerou o líder dos socialistas galegos.
De feito, subliñou que “a veciñanza da Coruña sabe ben do suspenso de Feijóo nas políticas sanitarias”.
“Non puxo a funcionar o novo hospital nin fixo nada relevante, só o inicio de promesas sen cumplir cando lle quedan 11 meses á fronte da Xunta”, evidenciou Gonzalo Caballero, quen apuntou que a espera media dos doentes de prioridade 1 para unha operación aumentaron no último semestre “en tres días segundo os datos oficiais do Sergas”.
“Feijóo non cumpre cos servizos públicos nin coas cidades”, incidiu o máximo dirixente do PSdeG, e contrastou esta situación co “pleno compromiso” dos socialistas coa sanidade e educación públicas, o desenvolvemento da Cidade das TIC e a rexeneración da ría do Burgo.
“A Coruña é unha referencia para toda Galicia, e vaille ben cando gobernamos os socialistas”, destacou Gonzalo Caballero, quen puxo a Inés Rey como “referencia de bo goberno” pola súa “capacidade de xestión”.
“TEMPO DE DESCONTO”
Pola súa banda, a alcaldesa da Coruña agradeceu a visita de Gonzalo Caballero á cidade e, en concreto, ao instituto público afectado pola “falta de previsión da Xunta”, cun alumnado que está recibindo clases no salón de actos e outra parte, “rotando” por distintos espazos.
De feito, Inés Rey sinalou que Feijóo “non se preocupou dos problemas reais da cidadanía ata que chega o tempo preelectoral”. “Acórdase no tempo de desconto”, recalcou.
Fronte a isto, a rexedora manifestou que “a Galicia e á Coruña sempre lle foi mellor con gobernos socialistas” e, por iso, chamou a “reeditar o goberno de progreso” o vindeiro 10 de novembro e a relevar a Feijóo cando convoque as eleccións galegas.
Ademais, agradeceu a presenza do deputado socialista no Congreso Pablo Arangüena e da senadora Obdulia Taboadela para que a voz e as necesidades da Coruña estean presente en todos os eidos.