A portavoz de Política Social do Grupo Socialista, Noela Blanco, vén de presentar unha serie de iniciativas parlamentarias para esixir o recoñecemento dos profesionais da Educación Social nas convocatorias públicas da Xunta. Blanco leva ao Parlamento as demandas deste colectivo, que vén de se manifestar esta semana en protesta polo trato da Xunta á profesión.
Blanco alerta de que a Xunta está a ultimar unha convocatoria de case 90 prazas de Educador Social, pero aberto á entrada de profesionais doutras titulacións, o que está a “preocupar e xerar incerteza especialmente ao Colexio de Educadoras e Educadores Sociais de Galicia”. A responsable socialista sinala que esta situación “pon de manifesto a necesidade dunha regulación da profesión que visibilice, dignifique e reivindique o papel da profesión da Educación Social”.
Advirte que a falla de regulación desta profesión “fai que non estean claros os límites e o alcance da mesma, tanto nas entidades públicas, nas entidades privadas como no terceiro sector”. Por iso reclama que nas ofertas públicas de emprego “se substitúa o posto de educador/a polo de educador/a social”, así como “limitar as convocatorias de emprego público a profesionais da Educación Social en exclusiva”.
Noela Blanco reclama ademais “regularizar a profesión da Educación Social en Galicia a través dunha Lei Galega da profesionalización da Educación Social”, e pídelle á Xunta que lle propoña ao Goberno central a elaboración dunha Lei de Profesionalización da Educación Social co fin de regularizar a profesión a nivel estatal.