O secretario xeral censura a decisión de Jácome de retirarse do protocolo de atención ás vítimas e reclama “compromiso” para atallar esta lacra
Santiago, 16 de outubro de 2019. O secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero, censurou hoxe a decisión de Jácome de retirar á cidade de Ourense do protocolo de atención a vítimas da violencia machista.
Neste escenario, o líder dos socialistas galegos esixiu a Feijóo que retire o seu apoio “a quen puxo de alcalde de Ourense” por este “paso atrás” na loita contra esta lacra. “Non pode consentir o debilitamento do Pacto de Estado”, advertiu.
“A seguridade de moitas mulleres require o compromiso de todas as administracións”, remarcou Gonzalo Caballero, crítico coa decisión de retirar á Policía Local de Ourense do sistema de prevención e de seguimento das vítimas.
Ademais, o máximo dirixente do PSdeG tachou de “escusas peregrinas” que Jácome alegue falla de recursos para prestar o servizo, porque formar parte do protocolo Viogen garante ao concello máis fondos para combater a violencia de xénero.
É por iso que reclamou a Feijóo que dea orde aos concelleiros de PP que sustentan a Jácome á fronte da alcaldía de Ourense a reverter esta situación ou, do contrario, estará amosando “o seu verdadeiro compromiso” contra a violencia machista.