O portavoz de Sanidade do Grupo Socialista, Julio Torrado, acusou hoxe ao goberno galego de “condenar ao Salnés a ser unha comarca de segunda” polo deterioro da atención sanitaria. Así o dixo no debate dunha proposición non de Lei na Comisión de Sanidade para pedirlle á Xunta un Plan de Necesidades Sanitarias da comarca e a dotación de persoal sanitario mínimo imprescindible, que foi rexeitada polo PP.
O responsable socialista reivindicou así os novos centros de saúde necesarios para a comarca, a ordenación dos recursos humanos en función das necesidades asistenciais e a dotación de recursos para os servizos de urxencias. Acusou así ao PP de “xogar ao escapismo” e esixiu a apertura da Atención Primaria a novos profesionais para diversificar a atención, convocar tódalas prazas MIR e a mellora das condicións laborais.
Torrado fixo un relatorio da situación dramática da Atención Primaria do Salnés, con problemas coa infradotación de centros de saúde, cando os de O Grove e Vilagarcía son xa unha “grave necsidade”, e deficiencias palmarias de persoal, coa atención de Pediatría de Catoira derivada a Vilagarcía ou falla de persoal en Cambados polas tardes.
O Salnés, dixo, está a padecer as consecuencias derivadas da perda da condición de Área Sanitaria. Así, dixo que a Atención Hospitalaria perdeuse a metade da área de medicina interna, profesionais que pasaron a depender de Pontevedra só visitan o Hospital do Salnés de forma puntual, e situacións tan graves como a discriminación da atención de Cardioloxía a determinados concellos, ou a paralización de quirófanos por falla de profesionais.
Julio Torrado dixo neste sentido que “as consultas non as pasan os ladrillos, senón os médicos”, e advertiu que “a política sanitaria de Feijóo son as formigoneiras, mentres a dos socialistas galegos son os profesionais, que é moito máis acaído para mellorar a atención sanitaria”.
O parlamentario socialista sinalou que os recortes do goberno galego provocaron “o peor verán de xestión sanitaria que se lembra”, para unha comarca que no período estival convértese na terceira máis poboada de Galicia, e ironizou co feito de que “o PP non sabe que a xente veranea alí”, e por iso deixaron sen cubrir as vacantes dos profesionais sanitarios por vacacións.
Puxo como exemplo o caso de O Grove, cun só médico durante varios días cubrindo o traballo de 6 prazas, o PAC de Vilagarcía cun só equipo cando debera haber 3, o PAC de Portonovo con profesionais a media xornada que teñen que marchar a Pontevedra a media mañá, ou profesionais pasando consulta a máis de 100 persoas por quenda en Cambados.
É o caso tamén de Ribadumia, onde unha profesional ten que asumir dúas consultas, o que supón días atendendo a máis de 100 pacientes, ou a falla de substitucións en Meis, provocando graves demoras na atención.
Advertiu ademais que a “grave situación de abandono” no Hospital do Salnés, padecendo as consecuencias da supresión da Área Sanitaria, que lles obriga a pedir permiso a Pontevedra para comprar unha impresora.
Apuntou ás listas de espera “na sombra”, con persoas que “teñen que esperar máis de 6 meses por unha cita en áreas onde se afirma que hai 0 esperas dese tempo”. Advertiu que “estase conformando unha Asociación de Usuarios do Hospital do Salnés que observan que a realidade das esperas non está na versión oficial”.
Desafiou ao PP a organizar un debate sobre a sanidade do Salnés no mesmo Hospital, e desafiounos a “ir alí a dicirlle aos pacientes que non hai esperas, aos profesionais que non están saturados e que a falla de persoal é culpa deles por ter baixas”.