A portavoz de Infraestruturas do Grupo Socialista, Begoña Rodríguez Rumbo, reclamoulle hoxe á conselleira de Infraestruturas que poña en marcha a conexión da Vía Ártabra coa A-6 para integrar “unha verdadeira circunvalación libre de peaxe na comarca”. A responsable socialista presentou unha pregunta oral no Pleno do Parlamento na que sinalou que ao goberno galego “unicamente lle preocupa a conexión con Oleiros e a AP-9”.
A responsable socialista lembrou que o goberno galego tan só ten anunciado a licitación das obras para a prolongación da Vía Ártabra ata a AP-9, e polo tanto con Oleiros e o residencial de luxo que “agardamos que non sexa o que condiciona” a intervención. Advertiu que a Xunta esquece a conexión coa N – VI e a AP – 9, que figuraba no Plan Move e conectaría aos concellos da comarca, os polígonos do cinto metropolitano e as infraestruturas portuarias por unha vía libre de peaxe.
Advertiu que a conexión tal e como foi asinada polo goberno galego suporá o incremento do tráfico de entrada á Coruña a través de Alfonso Molina. Ademais, preguntoulle ao goberno galego se “ten feito os deberes e acordado unha modificación do contrato concesional con Audasa”, así como o convenio previo que deben asinar as 3 administracións implicadas, como ten sinalado o Ministerio de Fomento.