O portavoz do Grupo Socialista, Xoaquín Fernández Leiceaga, reivindicou hoxe un “acordo á marxe de intereses partidistas” para salvar a crise demográfica do interior de Galicia. Leiceaga presentou unha proposición non de Lei cunha proposta “de luces longas” que centre a intervención na recuperación da ocupación, servizos básicos e infraestruturas para salvar ás zonas en declive.
Explicou que un total de 28 comarcas galegas perderon o 15 por cento da súa poboación nos últimos 10 anos, que constitúen o exemplo das consecuencias do desleixo dos poderes públicos, e que se dirixen a unha situación “irreversible” de desertización demográfica. De non tomar medidas, dixo, estas comarcas perderán un 20 por cento de poboación adicional na próxima década.
O responsable socialista reivindicou “luces longas” para acadar un acordo transversal “á marxe de vaivéns políticos” que integre a tódolos grupos parlamentarios, así como as institucións implicadas para “actuar sobre as infraestruturas, os servizos e a xerar oportunidades de emprendemento”. Reclamou tódolos esforzos para impulsar un tecido social vivo no conxunto do territorio xa que, alertou, “dar un paso atrás” encamiña a estas zonas a un punto sen volta atrás.
Leiceaga sinalou que a concentración demográfica arredor do Eixo Atlántico deixa “zonas en serio risco de desertización” demográfica, sinaladamente nas serras orientais, amplas zonas da zona limítrofe entre Ourense e Pontevedra, así como comarcas como a Costa da Morte ou o norte de A Coruña, “sometidas a un réxime de regresión demográfica significativo”.
Proposta
O responsable socialista presentou unha proposta centrada no impulso da ocupación, un mapa de servizos básicos que garanta o acceso para o conxunto da poboación na totalidade do territorio de Galicia, ou a creación dun Fondo de Cohesión Demográfica dirixido ás administracións locais. Tamén reclamou garantir un transporte público con rutas e horarios compatibles e un plan de transporte ferroviario de proximidade que garanta o acceso aos servizos fundamentais.
Finalmente, propuxo a constitución dunha Axencia pública despolitizada con perfil profesional e independente, seguindo o exemplo da Highlands and Islands Enterprise escocesa, que “planifique, programe e xestione actuacións públicas para a garantía dos servizos