A portavoz de Industria do Grupo Socialista, Begoña Rodríguez Rumbo, cualificou hoxe de “insulto” a xestión por parte da Xunta da Estratexia Autónomo 2020. Así o dixo no debate dunha proposición non de Lei para reclamar un plan de fomento do relevo xeracional no traballo autónomo, que foi rexeitada polo PP, a pesares da “falla de xestión e eficacia” demostrada polo goberno galego.
Rodríguez Rumbo urxiu a un replanteamento radical das previsións do goberno galego para o relevo xeracional, que cunha previsión de 500.000 euros en 2018, só beneficiou a 4 persoas, dúas delas con 1.500 euros e outras dúas con 1.000, o que, advertiu, “pega a risa”. Acusou ao PP de “limitarse a poñer o ventilador dos insultos para culpar a outros da falla de xestión e eficacia da Xunta”, o que, sinalou, “lamentablemente non vai mudar os resultados” do seu “desastre”.
Advertiu que logo de máis de 2 anos de funcionamento da Estratexia Autónomo 2020, e a 15 meses da súa finalización, o balance é que Galicia perdeu 5.026 traballadores menos no réxime de autónomos. Criticou que as medidas anunciadas polo Executivo, que supuñan 40 millóns de euros anuais, resultan “meramente cosméticas”, e pouco fixeron para mudar unha tendencia á baixa que supuxo a perda de 25.647 altas no réxime de autónomos dende 2008.
Proposta
Os socialistas presentaron unha proposta para esixirlle á Xunta que presente, en 3 meses, un plan de fomento da substitución xeracional no traballo autónomo, partindo da diagnose da situación das actividades dos autónomos e autónomas e o seu impacto na economía de Galicia. A continuación, establecía unha definición dos colectivos prioritarios e o desenvolvemento de medias instrumentais para facilitar e impulsar o relevo xeracional.
Rodríguez Rumbo lembrou que máis da metade dos traballadores do Réxime de Autónomos traballan no sector servizos, 8 de cada 10 non teñen asalariados ao seu cargo, e case 8 de cada 10 cotizan pola base mínima. Ademais, case a metade deles teñen entre 40 e 54 anos, e máis dun terzo superan os 55 anos.