O portavoz do Grupo Socialista, Xoaquín Fernández Leiceaga, vén de presentar no Parlamento unha serie de iniciativas para chamar á implicación da Xunta no apoio aos diversos sectores afectados pola paralización da central térmica de Endesa en As Pontes. O responsable socialista reclamoulle á Xunta que empregue neste caso ao Igape para refinanciar os créditos vivos dos transportistas afectados pola situación da central.
Fernández Leiceaga pide un aprazamento transitorio con respecto ao pago das cotas, dentro das medidas da administración autonómica “para axudar nesta problemática conxuntural” que afecta aos transportistas que acometeron investimentos par a adquisición de vehículos con créditos que non poderán satisfacer coa actual parálise.
Solicita en concreto “unha liña de actuación que contemple a demora ou paralización provisional das cotas de préstamo, diferindo por un tempo non excesivamente longo, os pagos a satisfacer ás diversas entidades financeiras”. Sinala que o Igape “debera promover un acordo coas empresas bancarias neste sentido e, no seu caso, facer fronte aos custes financeiros que se puideran derivar destes aprazamentos puntuais”.