O portavoz de Facenda e Orzamentos do Grupo Socialista, Xoaquín Fernández Leiceaga, denunciou hoxe a ineficacia na xestión dos préstamos e avais concedidos polo Igape como mecanismo de impulso da actividade económica. O responsable socialista presentou unha pregunta oral en Comisión na que reclamou “máis eficacia” á hora de “buscar unha fórmula de que os recursos do Igape sexan utilizados de forma máis eficiente”.
Fernández Leiceaga advertiu que os datos oficiais enviados pola Xunta ao Parlamento sinalan que no que vai de Lexislatura o Igape tan só concedeu 40 préstamos por importe de 10 millóns de euros, ademais de 3 avais, dos que só foron instrumentalizados 2 deles. O parlamentario socialista criticou que o responsable do Igape anunciara hoxe a “suposta existencia de moitas máis operacións” que se embargo non figuran nos papeis oficiais que lle trasladan á Cámara.
Advertiu do papel fundamental que debera xogar o Igape á hora de impulsar a actividade económica de Galicia, por canto a día de hoxe mantén o Índice de Produción Industrial por debaixo das cifras de 2008 cando o resto do Estado xa as superou. Ademais, as horas traballadas no sector tamén se atopan por debaixo do 90 por cento das que se rexistraban antes da crise económica.
Sinalou que mentres o téxtil, o naval ou as conservas rexistran cifras destacadas, outros segmentos presentan dificultades importantes, e aí é onde cobra importancia o papel do Igape á hora de “reforzar e darlles impulso ás empresas que despuntan e buscan diversificación”.