O parlamentario socialista Julio Torrado esixiulle hoxe ao goberno galego que medie entre a concesionaria da Residencia de Maiores de Ribadumia e os traballadores que teñen iniciado un conflito colectivo polas difíciles condicións laborais. Torrado lamentou a negativa do PP a apoiar esta proposta, e censurou o “criterio subastable” dos “populares” na defensa dos dereitos laborais.
Advertiu que a situación laboral está a afectar seriamente á calidade do servizo, cando a falla de persoal provoca que teñan que levantar aos residentes ás 6 da mañá para atendelos e poder cadrar o servizo. Isto sucede porque actualmente hai dúas enfermeiras a xornada completa e outra máis a media xornada cando deberan ser 7 segundo o ratio requirido, e mesmo pola noite hai dúas auxiliares de enfermaría para atender a 152 residentes, tamén dándolles medicación.
Lembroulle ao goberno galego que está a obviar o informe do Consello de Contas que se remonta a 2016, que ten alertado sobre “deficiencias graves en persoal, protocolos ou uso das instalacións”. Criticou que o presidente da Xunta teña aberto “cero prazas públicas e de xestión pública en residencias de maiores”, co que a súa xestión limítase a derivar aos maiores ás concertadas.
Criterio subastable
Torrado criticou o “criterio subastable” do PP e do goberno galego, que se pon do lado dos traballadores de Alcoa e Ferroatlántica para intentar desgastar ao goberno central pero no caso dunha residencia de competencia autonómica deixan ao persoal “desamparado”. Subliñou que “están demostrando que non lles importa o que, impórtalles o cantos” e a repercusión mediática das protestas.
Os socialistas reclamaran hoxe a mediación da Xunta neste conflito laboral, ademais de reclamarlle á empresa concesionaria un informe sobre a situación laboral dos traballadores e traballadoras nos centros que xestionan por concesión da Xunta de Galicia, e sinaladamente no centro de Rubadumia.