A portavoz de Pesca do Grupo Socialista, Loli Toja, denunciou o incumprimento, por parte da Consellería de Pesca, dos compromisos parlamentarios asumidos tamén polo PP para recuperar os permisos de marisqueo –Permex-. Toja presentou unha pregunta oral no Pleno do Parlamento para preguntarlle ao goberno galego por un suposto Plan de Marisqueo de Galicia 2030 introducido polo PP nunha proposta e que en realidade “non existe”.
Toja explicou que o Parlamento aprobou no pasado mes de maio unha proposta socialista reclamando un plan específico para a recuperación dos permisos, na que o PP introduciu unha emenda instando á Xunta a “levar a cabo a implementación do Plan de acción do marisqueo de Galicia 2030”. Advertiu que resulta “imposible” localizar o dito Plan, que “non se atopa en ningunha publicación da Xunta de Galicia”.
A parlamentaria socialista critica que o PP propoña “a implementación dun plan que a día de hoxe non semella nin sequera estar elaborado, e que ademais está formulado a un horizonte de 10 anos vista”. Esixiulle así á Conselleira de Pesca que presente as previsións para aplicar o dito Plan, así como os principios nos que se basea, os obxectivos que perseguen e os indicadores previstos para valorar o grao de execución.
Toja reclamou “datos concretos” sobre a aplicación deste Plan, máis alá das “vaguidades” que presentou hoxe a conselleira de Pesca, sinalando literalmente que afectaría “seguro que para ben” ao sector, o que “non da idea dunha magnitude de número de empregos nin dunha cronoloxía determinada”, puntualizou a parlamentaria socialista.
Criticou que o PP e o goberno galego “tomen a broma” a situación do traballo no mar, que perdeu 1 de cada 5 empregos dende a chegada de Feijóo á Xunta, unha caída que é especialmente grave no caso das mulleres, que perderon 1 de cada 3 empregos. No caso dos permisos de marisqueo, a perda de emprego foi asumida integramente polas mulleres, que perderon 1.165 permisos dende 2009, mentres os dos homes aumentaron.