O portavoz do Grupo Socialista, Xoaquín Fernández Leiceaga, responsabilizou hoxe á negativa do PP a apoiar os últimos orzamentos xerais do Estado e ao bloqueo na investidura do presidente do goberno central como a orixe do retraso nos recursos pendentes para Galicia. Os socialistas abstivéronse na votación dunha proposta do PP para reclamar estes fondos logo de que estes rexeitaran a emenda socialista que lle daba viabilidade legal á proposta.
O portavoz socialista negou en primeiro lugar a “responsabilidade” do actual goberno dun retraso “que o PP quere ver como unha conxura contra Galicia que non é real, xa que están afectadas tódalas comunidades autónomas de réxime xeral”. Dixo que o rexeitamento dos Orzamentos presentados polos socialistas impide habilitar as partidas para transferirlle a Galicia os 331 millóns de euros correspondentes ás entregas a conta.
Ademais, explicou, os outros 198 millóns pendentes polas liquidacións do IVE derivan da modificación legal impulsada por Montoro e apoiada polo PP no Congreso, e que os Orzamentos de 2019 rexeitados tamén prevían resolver. Actualmente non é posible facer a “contramodificación” do Regulamento do IVE porque o goberno en funcións ten as súas competencias limitadas, “igual que tampouco pode nomear ao director do CNI, tampouco pode impulsar proxectos de Lei”.
O montante restante que reclama o PP e que corresponde aos incentivos, explicou, non é posible pedilos porque a Xunta de Galicia non os orzamentou e están supeditados a un informe favorable da Comisión de Política Fiscal e Financeira e da Airef que non teñen realizado.
Abstención
Os socialistas abstivéronse nesta proposta logo de que o PP se negara a incorporar unha emenda para darlle viabilidade á proposición non de Lei pedindo que a entrega das contías pendentes sexa realizada por un goberno constituído.