O portavoz socialista de política institucional, Juan Díaz Villoslada, acusou á Xunta de “aprobar a lei de administración dixital sen incorporar o ditame preceptivo do CES”. Así o dixo no debate final da Lei, que foi aprobada no Pleno do Parlamento coa abstención do Grupo Socialista por ser “unha lei tecnocrática que non defende os dereitos dixitais dos cidadáns”.
O representante socialista advertiu que se trata dunha lei “moi pouco ambiciosa en termos lexislativos e de desenvolvemento económico e social de Galicia, na que se trata unicamente de remitir a normativa estatal a Galicia”. Lembroulle ao Goberno que “este proxecto de dixitalización non pode derivar nun proceso de robotización que deshumanice a Administración”.
Lembroulle tamén ao Goberno que “quedaron fora asuntos clave como a redución de prazos e taxas, a medida que se reducen os prazos de tempo e custos, e a posibilidade de utilización de software libre” ou a presencia equilibrada de homes e mulleres nos órganos colexiados. Sen embargo, si que foron incorporadas as emendas socialistas que facían unha referencia explícita “á inclusión dixital das persoas con discapacidade intelectual e sensorial, o apoio as entidades locais”.
Sinalou que o Goberno “debería de presentar un progresivo apoio ao colectivo de autónomos porque non todos teñen as mesmas posibilidades”. Lembrou que a Valedora do Pobo debería de saír do seu “estado actual de hibernación” e “cumprir coas súas competencias como Comisionado de Transparencia para velar pola defensa dos dereitos dixitais dos cidadáns”.
Fixo fincapé en que “se a administración non establece os mecanismos e instrumentos que faciliten estes dereitos, non sirve de nada nomealos”. Amosou a súa preocupación por dúas eivas desta lei, na que “non se impide a publicidade nos servizos electrónicos” e na que “non se vela pola independencia das persoas encargadas da protección de datos dos cidadáns galegos”.