O parlamentario socialista Luis Álvarez trasladou hoxe o apoio do Grupo Socialista a unha iniciativa conxunta aprobada hoxe por unanimidade en Comisión parlamentaria para pedirlle a Aena que garanta o servizo de comedor de que levan dispoñendo os traballadores do Aeroporto Rosalía de Castro – Lavacolla dende hai 64 anos.
O responsable socialista advertiu que a licitación separada deste servizo provoca o risco real de que suceda neste aeroporto o mesmo que sucedeu en Tenerife Sur ou Sevilla e que o concurso quede deserto. Esta situación obrigaría a 1.100 traballadores e traballadoras a recorrer aos servizos de restauración “abertos” do aeroporto, asumindo unha “redución salarial implícita” polos elevados prezos e a falla de alternativas externas ao aeródromo compostelán.
Álvarez trasladou o seu apoio á demanda “totalmente razoable e lexítima” dos traballadores e traballadoras, que piden “o mantemento das condicións do servizo de comedor” que hai actualmente dispoñible para tódolos traballadores e traballadoras. Cualifica de “pintoresco” que a dirección do Aeroporto “nin sequera se digne a recibir ao Comité” cando a propia Aena Madrid está disposta a atender aos representantes traballadores e traballadoras.
Texto da iniciativa aprobada hoxe:
-“O Parlamento de Galicia insta á Xunta de Galicia a:
1. Esixir á dirección de ANEA en Santiago de Compostela que reciba á representación sindical dos traballadores e traballadoras para que poidan trasladarlle as súas preocupacións.
2. Solicitar de AENA que introduza nos pregos de licitación do novo servizo de restauración as cláusulas necesarias que garantan, en calquera caso, o mantemento dun servizo de comedor nas condicións vixentes previstas no prego da cantina.
3. Apoiar as reivindicacións do Comité de Centros do aeroporto na reclamación relativa ao mantemento das condicións do servizo de comedor actualmente existente no aeroporto de Santiago de Compostela para todos os traballadores e traballadoras”.