A parlamentaria socialista Loli Toja denunciou hoxe a discriminación política por parte do goberno galego tamén na construción e acondicionamento de sendas peonís e ciclistas na comarca de Bergantiños. A responsable socialista presentou unha pregunta oral polo incumprimento dos compromisos en Laxe e Ponteceso mentres “cumpren escrupulosamente cos compromisos” en concellos como os de Malpica, Cabana e Laracha.
A parlamentaria da Costa da Morte apuntou que entre 2016 e 2018 o Executivo autonómico investiu 2,2 millóns en A Laracha, 563.000 euros en Cabana, 534.339 na senda Xornes – Buño – Canta La Rana –Malpica-, e 1,2 millóns en Carballo. Sen embargo, o concello de Laxe leva agardando dende 2015 pola execución das sendas peonís Castrelo – Arrueiro, Conlle e Cabo de Area, pero o goberno galego non investiu un só euro.
No caso de Ponteceso sinalou a necesidade urxente de investimentos nas sendas de Tella, O Couto, Pazos de Arriba, Corme Aldea, A Bugalleira – Pazos, e Xornes. Advertiu que “en tódolos casos trátase de promover a mobilidade das parroquias veciñas, porque son núcleos rurais illados, e de dotar de seguridade viaria ás estradas que transcorren por elas”, e evidencia o “abandono” á veciñanza destes concellos.