O portavoz de Sanidade do Grupo Socialista, Julio Torrado, acusou hoxe ao goberno galego de “contratar a tempo parcial, pero explotar –aos traballadores do Sergas- a tempo completo”. Así o dixo no debate dunha pregunta oral en Comisión sobre os datos de precariedade laboral na sanidade pública, na que acusou ao goberno galego de “provocar un problema asistencial” cun nivel de precariedade “grave”.
Torrado acusou ao goberno galego de “desfrutar” empeorando as condicións laborais dos profesionais da sanidade. Ademais, negou a falla de profesionais da sanidade que está a lamentar o goberno galego lembrando que “formamos a 300 profesionais da sanidade cada ano que marchan porque vostedes son uns explotadores”.
O responsable socialista lembrou os datos do Colexio de Médicos, que apunta a que Galicia é a terceira peor Comunidade Autónoma en médicos por habitante, mentres Satse sinala aos datos do INE que revelan apenas 3,38 enfermeiros por cada 10.000 habitantes en Galicia, fronte á media de 5,02 de España.
Criticou que a resposta do goberno galego teña sido deixar de solicitar 150 prazas de MIR para Galicia, e que en Pediatría levaba dende 2013 sen incluír ningunha nova praza por ser “submisos, calados e mandadiños das directrices de Rajoy”.
Acusou ao goberno galego de negarse a ofrecer datos, mentres o PP admite “de facto” unha precariedade do 20 por cento, que podería aumentar ao 25 por cento de acordo cos cálculos do Grupo Socialista. A Xunta, dixo, continúa “falseando informacións, contradicíndose cando queren enganar e presumindo do que antes desprezaban”, e reclamar o desbloqueo da taxa de reposición logo de votar na súa contra nas 7 ocasións anteriores.
Criticou que a Xunta leva “dez anos perdendo oportunidades” de remedar a situación de precariedade na sanidade pública mentres o goteo de condenas xudiciais é xa imparable, incluíndo a constatación de que están a cubrir con contratos temporais o que son postos estruturais.
Aludiu á sentenza da Sección Primeira do TSXG, que en abril condenou ao Sergas pola contratación “torticera e fraudulenta”, á que se sumou a Sala do Social do mesmo tribunal, que obrigou ao goberno galego a indemnizar a un profesional en Pediatría, mentres o goberno galego segue sen asumir responsabilidades políticas por estas situacións.