A portavoz de Xustiza do Grupo Socialista, Patricia Vilán, acusou hoxe á Xunta de ter intentado restrinxir a liberdade de expresión ata as últimas consecuencias levando o proceso contra a emisora comunitaria da Universidade da Coruña CUAC FM ata o Tribunal Supremo. Vilán levou ao Parlamento unha pregunta logo de que o tribunal rexeitara o recurso da Xunta avalando as peticións da emisora.
A responsable socialista criticou o “malgasto de recursos públicos” neste proceso, e cualificou de “inexplicable” a decisión do goberno galego de levar ata o final unha interpretación restritiva da Lei Xeral de Comunicación Audiovisual, como sinalara no seu momento o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia e agora ratifica o Supremo.
Patricia Vilán criticou que o goberno galego pretenda agora “botar balóns fora sinalando ao goberno de Pedro Sánchez” cando foron eles os que decidiron rexeitar o recurso de alzada presentado pola emisora e chegar ata a última instancia xudicial. Advertiu que “sen embargo non foron contra Radio María, que se atopa na mesma situación de limbo e incertidume”.
A emisora comunitaria da Universidade de A Coruña leva 20 anos emitindo sen licencia porque ao ser unha entidade sen ánimo de lucro non está contemplada na norma precisamente porque está sen desenvolver a normativa para os medios de comunicación comunitarios. Por iso reclamaron que se mantivera vixente a súa garantía de emisión temporal, e así lles foi concedido polo Supremo.
LGTBI
A responsable socialista comezou a súa intervención nesta iniciativa “en defensa da liberdade de expresión” precisamente amosando o seu apoio ao Día do Orgullo LGTBI, que se conmemora tal día coma hoxe dende hai 50 anos logo dos sucesos de Stonewall. Lamentou neste sentido que o Parlamento de Galicia non tivera feito ningún acto de recoñecemento desta data “nin presentando a bandeira multicolor nin nada”, como si están a facer múltiples institucións.