A Comisión Institucional do Parlamento de Galicia aprobou hoxe, coa abstención do PP, o ditame da Proposición de Lei Orgánica presentada polos socialistas galegos para pedir a transferencia de Tráfico a Galicia. O portavoz do Grupo Socialista, Xoaquín Fernández Leiceaga, lamentou despois do debate a “falla de compromiso” amosada polo Grupo Popular de cara a reclamar novas transferencias a Galicia.
Fernández Leiceaga criticou que o PP manteña a súa abstención, tal e como xa fixeran no Pleno do Parlamento, logo de ter aprobado sen reservas unha Lei idéntica en 2008 e de aprobar no último debate do Estado da Autonomía unha proposta de Resolución para reclamar o máximo teito competencial para Galicia. Logo de 10 anos sen unha soa nova transferencia, sinalou que o PP ratifica o seu centralismo político mesmo indo en contra dos intereses de Galicia.
O responsable socialista explicou que a Lei permitirá constituír unha policía autonómica propia para Galicia coas competencias de tráfico, circulación de vehículos e seguranza viaria. O ditame pasará agora ao seu trámite final diante do Pleno do Parlamento, e de ser aprobada finalmente será presentada diante do Congreso dos Deputados, onde terá lugar o debate definitivo desta transferencia.
Cataluña e País Vasco
Fernández Leiceaga lembrou que comunidades autónomas como Cataluña ou o País Vasco xa dispoñen desta competencia transferida e “funcionando ben”, e mesmo no caso de Euskadi, cunhas condicións orográficas e climatolóxicas semellantes, o nivel de sinistralidade é inferior ao de Galicia. Esta diferenza, dixo, “podería corrixirse –en Galicia- de contar con esta transferencia e desenvolvela”.
Aludiu así a que no último exercicio con datos oficiais, en Galicia faleceron 104 persoas en accidentes de tráfico, polas 85 de Cataluña e 31 do País Vasco, as dúas comunidades autónomas que si dispoñen da competencia.
O responsable socialista aludiu a que transferencia de tráfico ao goberno galego permitirá adecuar a xestión desta materia ás particularidades de Galicia, cunha poboación avellentada, un parque de vehículos envellecido, a orografía complicada e un clima difícil. Todos estes elementos fan que os accidentes de tráfico sexan unha das principais causas de mortalidade entre a mocidade galega.