A portavoz de Facenda e Política Local do Grupo Socialista, Begoña Rodríguez Rumbo, denunciou hoxe o reparto “a dedo” dos convenios de Medio Rural case exclusivamente entre os concellos do PP. Así o dixo no debate en Comisión parlamentaria dunha proposición non de Lei esixindo a publicación do Plan Estratéxico de Subvencións da Consellería nun prazo de 3 meses, que foi rexeitada polo PP.
A responsable socialista sinalou o balance das subvencións da Consellería en 2018 que, centrándose nas partidas para obras e infraestruturas rurais e deixando á marxe os convenios para prevención e defensa dos incendios con fondos Feder, foron maioritariamente para o PP. Así, dos 73 concellos beneficiados, 63 foron do PP, que se repartiron 2,7 do total de 3 millóns de euros que integran o montante total das axudas.
Rodríguez Rumbo acusou ao PP e ao goberno galego de “tomarnos por parvos” ao repartir “a maior parte dos recursos integrados nos convenios de colaboración a dedo e entre concellos do PP”, mentres “ao resto danlles migallas e pretenden que llelo agradezan”.
Sinalou que “por moito que Feijóo se presente como militante de Galicia, a realidade é que é moito máis militante da Galicia onde goberna o PP que daquela na que non goberna, ao non respectar a pluralidade dos concellos galegos”.
A proposta presentada hoxe esixíalle á Consellería de Medio Rural que cumpra coa Lei de Subvencións de Galicia aprobada polo goberno presidido polo socialista Emilio Pérez Touriño e publicara en tres meses o Plan estratéxico de subvencións. Ademais, deixaba un prazo de tres meses para facer públicos os criterios para establecer aqueles convenios.