O portavoz do Grupo Socialista, Xoaquín Fernández Leiceaga, sinalou hoxe no Parlamento aos catro eixos que presentou Feijóo como retos para a próxima década precisamente como “a mellor síntese do seu fracaso”. Na sesión de control ao presidente, o portavoz socialista recolleu o acto de inicio da precampaña que protagonizou Feijóo na sede do goberno galego e que sinalou ás familias, xóvenes, innovación e respecto ao territorio.
Eses catro eixos, dixo Leiceaga, resumen o fracaso de dez anos de Feijóo á fronte da Xunta de Galicia, que intenta “tapar” a falla de resultados con “iniciativas sobre o papel que só van poñer de manifesto as insuficiencias da súa xestión”. Sinalou que “a inercia e a mera administración non son un legado consistente” para dez anos de goberno, e engadiu que “precisamos dun cambio de paradigma, non unha inxección de márketing”.
O responsable socialista situou ao presidente da Xunta “metafóricamente espido” -en alusión á fábula de Hans Christian Andersen O traxe novo do emperador- e, advertiu, “non vai poder taparse unicamente con follas do DOG” nun ano de goberno ata as próximas eleccións autonómicas. Advertiu á falla dun eixo central de goberno, prioridades de xestión ou mesmo legado da acción executiva de Feijóo logo de 10 anos e tres lexislaturas.
Apuntou que hoxe “póñense en marcha menos proxectos familiares que nas últimas década” e as familias só poden ter a metade de fillos que desexan polo “fracaso das súas políticas de familia” nunha Galicia que “cada vez é máis pequena en termos demográficos”. Explicou que hai 94.000 persoas menos dende 2008 e esta Comunidade Autónoma ostenta un récord de crecemento vexetativo negativo.
Engadiu que Galicia ten hoxe 43 por cento menos mozos e mozas, mentres os mozos ocupados diminuíron nun 45 por cento, cando hai 90.000 ocupados menos nunha década e cando serán necesarios 5 anos máis para acadar os niveis de emprego pre – crise que xa ten recuperado o resto de España. Advertiu que un tercio dos empregos perdidos no Estado en agricultura, pesca e industria correspondíalle a Galicia, que reduciu drasticamente a súa base produtiva dende 2008.
Innovación e medio ambiente
Tampouco foi quen de crear as condicións para captar investimentos, co I+D+i por debaixo do de 2008, o Plan Move ancorado nas previsións correspondentes a 2013, a oferta de solo industrial por detrás da portuguesa e a política de formación para o emprego pendente de revisión. Nin sequera foi quen de acadar ningunha nova competencia para Galicia “porque non as reclamou”, e mesmo votou contra a axenda de autogoberno presentada polos socialistas “para non molestar a Vox”.
Neste balance que o presidente da Xunta anunciou a pasada semana, Leiceaga apuntou que os desequilibros territoriais “avanzan”, as rías están “lonxe de ser saneadas” e sen unha nova hectárea adicional en Parques Naturais.
Tampouco pode presentar un balance positivo en materia de sanidade, onde “o seu legado descontenta a todos co seu cóctel de imprevisión estratéxica, recortes e fomento da precariedade”. Ademais, remachou, cada vez hai máis persoas maiores pero o goberno galego mantén o copago farmacéutico e impón un “imposto non declarado” aos maiores no prezo das residencias primarias, reduce o persoal en Atención Primaria.
O responsable socialista instou ao presidente da Xunta a “facer como Pedro Sánchez” no goberno central e cambie a dirección da súa xestión. Precisou que “máis alá de actos publicitarios, o que necesitamos son resultados e unha acción de goberno efectiva baseada nun cambio de paradigma que vostede non está disposto a dar”.