O portavoz de Educación do Grupo Socialista, Luis Álvarez, acusou hoxe ao goberno galego de ter fomentado un debate “falaz” sobre “argumentos falsos” para reclamar unha proba de acceso á universidade –ABAU- única en todo o Estado. Na comparecencia da conselleira de Educación no Parlamento sinalou que as supostas críticas “frecuentes e recorrentes” contra as probas que utilizou Feijóo para alimentar a polémica “nin eran recorrentes nin frecuentes”.
O portavoz socialista esgrimiu a posición da Conferencia de Reitores, que negou que existiran datos contrastados de que houbera probas máis fáciles en función do territorio, negando así as supostas “distorsións na equidade, ineficiencia e demanda crecente” para equiparar as probas. As propias universidades, sinalou, insisten en que a proba “funciona ben”, e reclaman “consenso e unha análise rigorosa da realidade” para encetar calquera modificación.
Álvarez criticou ademais o “discurso incongruente” do PP, que hoxe quere homoxeneizar as probas de ABAU en toda España nun modelo único despois de defender o modelo “disgregador” do ex ministro Wert. De acordo coa Lomce, lembrou, só poderían obter título de bacharelato aos alumnos que superaran a reválida, e ademais permitía a cada universidade fixar unhas probas específicas de acceso.
O responsable socialista reclamoulle hoxe ao goberno galego que dean por rematada a etapa de nove anos de recortes orzamentarios e de persoal nas universidades galegas e atendan ás demandas dos reitores que reclaman máis financiamento para garantir a sostibilidade do Sistema Universitario de Galicia –SUG-. Na actualidade, sinalou, aínda está lonxe do 1 por cento do PIB de financiamento que comprometeu o propio Feijóo en 2015.
Propaganda
Luis Álvarez criticou que a conselleira teña presentado “pouca novidade, moita cifra e moita autopropaganda” nunha comparecencia que para o parlamentario socialista constitúe “o primeiro acto parlamentario da longa precampaña” que iniciou o presidente da Xunta a pasada fin de semana.
Neste sentido, criticou que se atribúan o mérito da nova Oferta Pública de Emprego no ensino público que en realidade responde a que o goberno socialista teña rematado coa conxelación de prazas públicas imposta por Rajoy desbloqueando as taxas de reposición. Explicou que a redución das interinidades e a convocatoria de OPEs “non son decisións exclusivas desta Comunidade Autónoma”.