O portavoz de Sanidade do Grupo Socialista, Julio Torrado, acusou hoxe á Xunta de “facerse o avión” fronte ao intrusismo profesional na sanidade e as prácticas alternativas non fundamentadas. Criticou o veto do PP a unha proposición non de Lei presentada na Comisión de Sanidade reclamando máis recursos para inspección sanitaria, colaboración cos colexios profesionais campañas de concienciación fronte a estas prácticas.
Torrado denunciou “certa tolerancia” por parte do goberno galego fronte a “prácticas non fundamentadas cientificamente no ámbito sanitario”, así como de persoas que “tratan de enganar e utilizar a ignorancia ou a boa vontade dos pacientes”. Advertiu que a pesares de existir base legal para combater “profesións sanitarias falaces”, a realidade é que “non se aplica” por parte do Executivo autonómico.
O responsable socialista sinalou que mentres o goberno socialista “trouxo ideas para loitar contra as seudoterapias” a través do Ministerio de Ciencia, o goberno galego deu a calada por resposta e o Grupo Popular negouse a aceptar cantas iniciativas foron presentadas polos socialistas galegos. Esta “parálise” por parte do goberno galego provoca a “lei da selva” na sanidade, que chega a “dar por válido quen monta unha clínica a pesares de carecer das acreditacións mínimas”.
A Consellería de Sanidade, dixo, “non actúa de facto”, mentres o corpo de inspectores resulta a todas luces insuficiente para facer o seu traballo de seguimento e control e chega a estremos como que o propio Igape lle concedera axudas a negocios non acreditados e pseudoterapias. Aludiu así ás axudas do Instituto público a unha empresa que ofrecía tratamentos físicos e emocionais sen capacitación profesional, desvelado en 2017.
O parlamentario socialista esixiulle ao goberno galego “maior proactividade”, e advertiu que “anunciar colaboración e falsear os datos é non colaborar nada e permitir que a xente se estea tratando enganada”. Torrado referiuse á intervención do conselleiro de Sanidade dicindo que recibiran 30 reclamacións e foran todas atendidas, horas antes de que o Colexio de Fisioterapeutas anunciara que só eles tiñan rexistrado xa 31 reclamacións. Desmentindo a Almuíña.