O portavoz de Educación do Grupo Socialista, Luís Álvarez, alertou do “retraso” da Xunta na posta en marcha da plataforma para a elaboración das programacións didácticas nos distintos niveis de educación pública. O responsable socialista presentou hoxe unha pregunta oral en Comisión parlamentaria, na que lembrou que “dende que se aprobou a súa aplicación ata que o programa estea en funcionamento pasarán a lo menos 3 cursos lectivos”.
O deputado socialista sinalou que “nos atopamos no mesmo punto que hai un ano” cando se afirmou que “o programa estaría a disposición dos centros no curso 2018-2019 coa súa posterior implantación no curso 2019-2020”. Ata o de agora, afirmou, “falta por concretar se haberá esperanza de que despois de todo no curso 2020-2021 se poida poñer en marcha o programa”.
Álvarez pediu un “impulso” porque “non é posible que un proxecto como este leve 10 anos implantarse”, ironizou. Sinalou que “é necesario saber cal vai ser o número de persoas que interactúen con esta plataforma” así como, afirmou, a necesidade de “proporcionar unha plataforma de formación para o profesorado de maneira que poidan empregar de forma eficaz a plataforma”.