A portavoz de Medio Ambiente do Grupo Socialista, Patricia Vilán, acusou hoxe ao presidente de Sogama de “lavar as mans como Poncio Pilatos” no conflito laboral da empresa adxudicataria do transporte. A responsable socialista esixiulle un “control absolutamente rigoroso” sobre as condicións do servizo contratado por Sogama “en canto que é unha entidade pública”.
Vilán acusou ao presidente de Sogama de ter derivado a súa comparecencia nun “ataque á defensa dos traballadores que é inxusto e ademais ilegal”, ao cuestionar as queixas sobre as condicións laborais e sobre o papel dos sindicatos, e “despois de defender o diálogo pero negarse a reunirse cos eles.
A parlamentaria socialista esixiulle que clarifique se o convenio que rexe no servizo é o de transporte ou, polo contrario é o de residuos, tal e como defendían os traballadores e como figura no laudo xudicial.
Tamén criticou que non clarificara as melloras medioambientais que supostamente lle primaron no contrato, así como pola responsabilidade no servizo logo de ter invertidos 4,5 millóns de euros de cartos públicos para mellorar as condicións no transporte. Vilán advertiu que o transporte de residuos urbanos “debera primar a cuestión medioambiental diante do transporte”.
Patricia Vilán criticou os ataques contra os traballadores e contra os grupos políticos por supostamente “utilizar o conflito como arma política en período electoral”. Sinalou o “contraste” destas críticas e as chamadas ao seu “traballo silencioso” na defensa dunha empresa pública coa “voz do presidente da Xunta na defensa dos traballadores de Ence –que é unha empresa privada-, que a Xunta non utilizou na campaña electoral”, ironizou.