O secretario xeral remarca que “cando nos mobilizamos, somos imparables” e subliña que o goberno de España necesita “aliados progresistas” nos concellos
Vilagarcía de Arousa, 24 de maio de 2019. O secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero, participou hoxe no mitin de peche de campaña en Vilagarcía xunto co alcalde, Alberto Varela, facendo unha última apelación ao voto de todos os progresistas e de todos os que apoiaron a Pedro Sánchez nas xerais para que agora “tamén gañe o futuro” nas vilas e cidades de Galicia, e tamén en Europa.
“Fronte a un PP derrotado, retrógrado e sen rumbo”, recalcou Gonzalo Caballero, “o PSOE é o voto útil dos progresistas”. “Temos que conquerir gobernos socialistas nos concellos”, apostilou, consciente de que no extremo oposto “temos unha dereita reaccionaria, disposta a pactar coa ultradereita se lle dan as contas” tamén nos municipios de Galicia nos que se presenta, como é o caso de Vilagarcía e das principais cidades e vilas.
O seguinte paso será, como sinalou o líder dos socialistas galegos, desaloxar ao PP da Xunta e abrir tamén “unha fiestra de esperanza” en Galicia. Nese senso, despois de recordar a cara “desencaixada” que tiña Feijóo o pasado 28 de abril, cando o PSOE se converteu en primeira forza tamén nesta comunidade, subliñou que “unha nova vitoria progresista nas urnas será o fin político de Feijóo”.
É por iso que Gonzalo Caballero fixo un chamamento á participación este domingo, porque “cando nos mobilizamos somos imparables”. “Ninguén pode quedar na casa”, enfatizou, consciente da importancia que teñen estes comicios tamén para o desenvolvemento da liña de “prioridade social” do goberno de España. “Pedro Sánchez necesita ter como aliados alcaldes e alcaldesas socialistas que aposten polo progreso e non polo retroceso”, engadiu.
Sobre todo, como explicou o máximo dirixente do PSdeG, porque Feijóo resultou ser “o principal inimigo das cidades” ao tempo que sumiu no “abandono” ás vilas medianas e aos pequenos concellos. “Está ausente dos problemas dos galegos e das galegas”, profundou, ao preguntarse se será porque “está pensando na sucesión de Casado, en pactar con Vox ou en seguir co postureo da viraxe ao centro”.
UN ANO DA GÜRTEL
Ademais, nunha xornada na que o expresidente Rajoy está facendo campaña por distintos municipios de Galicia, o secretario xeral recordou que hoxe cúmprese un ano da sentenza que condenou ao PP polo caso Gürtel.
O feito de que “o PP máis rancio” o “saque a pasear” xusto hoxe é a proba, dixo o líder socialista, de que os populares “non entenderon nada” dos motivos polos que foron desaloxados do goberno.
“Un ano despois, aínda non pediron desculpas”, reprobou Gonzalo Caballero, e chamou a “toda a cidadanía de ben” deste país a “volverllelo a explicar” nas urnas este domingo apoiando a alcaldes de progreso.
VILAGARCÍA
Entre chamadas á mobilización do electorado progresista e dos que aínda están indecisos fronte “aos ataques de Feijóo”, o xefe de filas do PSdeG referiuse a Alberto Varela como “o gran alcalde que Vilagarcía necesita” para seguir avanzando.
É, tal e como dixo, “unha persoa na que se pode confiar” e que ten demostrado “capacidade de xestión” ao longo deste mandato. “Un home xoven, preparado e comprometido co seu pobo”, resaltou, e pediu aos veciños darlle unha maioría “ampla” para gobernar.
Finalmente, Gonzalo Caballero puxo o acento nos comicios europeos, e pediu respaldar á candidatura encabezada por Josep Borrell para seguir afondando “nunha Europa social”, alonxada da “ameaza” da ultradereita.