O secretario xeral do PSdeG-PSOE, Gonzalo Caballero, pediu hoxe o voto ás candidaturas socialistas fronte a un “PP que perdeu o rumbo dos tempos e un Feijóo que foi inimigo das cidades nestes anos e abandonou ao medio rural”. Así o dixo na Coruña, onde comezou a última xornada da campaña electoral respaldando á candidata socialista, Inés Rey, e unha candidatura que une “experiencia de xestión, renovación, frescura, impulso e capacidade”.
O líder dos socialistas galegos dedicou o último día da campaña electoral a sinalar a un Feijóo “ausente dos problemas dos galegos e das galegas” porque “está noutra cousa, non sabemos se na sucesión de Casado ou buscando acadar novos acordos con Vox”. O xiro do PP á dereita e a nova “viraxe de postureo ao centro” fixo que “perdera contido político para darlle unha resposta aos problemas de Galicia”.
Caballero chamou ao apoio “masivo” da cidadanía galega para apoiar aos candidatos socialistas nos concellos e nas eleccións europeas para frear á dereita que “quere presentar estes comicios como unha segunda volta para acadar o que non foron quen de conseguir nas eleccións xerais”.
Advertiu que, fronte á deriva da dereita “menos mal que o PSOE vai gobernar en España, vai liderar a maioría progresista en Galicia e vai avanzar nas sete cidades para darlle a Galicia unha resposta de futuro”. Fronte a un Feijóo e un PP “ausentes”, dixo, os socialistas “somos a mellor garantía para gobernar nos concellos” grazas ao seu “claro contido municipalista, capacidade de goberno e eficiencia de xestión”.
O secretario xeral do PSdeG quixo culminar a campaña electoral na Coruña para apoiar á candidatura liderada por Inés Rey, que “está en condicións de acadar un goberno de progreso” e situarse como “referente político”. Gabou unha candidatura que “combina experiencia de boa política municipal coa renovación, frescura, impulso e capacidade de Inés para liderar”.
Goberno en solitario
A candidata socialista, Inés Rey, pediu o apoio “maioritario e masivo” que conceda a capacidade de gobernar en solitario e “sacar a esta cidade do letargo, a parálise e ausencia de liderado que tivo nos últimos oito anos”. Sinalou que “quero ser a primeira alcaldesa da etapa democrática, reflexo dunha cidade en feminino e feminista, para as mulleres, para os mozos, que non se esqueza dos maiores e das persoas” que son “o centro das nosas políticas”..
Rey chamou á mobilización dos indecisos “que non queren os recortes e o retroceso das liberdades que veñen da man do PP”, así como “aqueles que non queiran catro anos máis de parálise na xestión e ausencia de modelo”. Dixo que “somos os únicos capaces de garantir a gobernabilidade da Coruña e de situar á cidade no mapa, crear emprego, atraer empresas, dar oportunidade aos mozos e mozas e crear unha sociedade con igualdade de oportunidades”.
A caravana socialista visitou hoxe o Mercado de Elviña, onde Rey fixo unha aposta por recuperar os mercados muninicipais logo de catro anos “abandonados, sen ningunha reforma nin actuación, que provocou que os barrios languidezan, que o comercio de proximidade peche e non se consiga benestar, liderado económico” e pulo social”.
Dixo que “somos o único partido que presenta un modelo de cidade, de progreso, avance e futuro que comeza polos barrios” e que ademais foi “a única forza capaz de parar á dereita e á ultradereita” coa mobilización masiva nas eleccións xerais do pasado 28 de abril.