O parlamentario socialista Julio Torrado acusou hoxe ao director xeral da CRTVG de ter vetado a información sobre a concesión do premio José Couso de liberdade de prensa ao colectivo #DefendeAGalega. Torrado presentou unha pregunta oral en Comisión na que constatou que a canle pública emitira tódolos premiados nos quince anos de historia do galardón agás 2018, no que premiaron aos traballadores da CRTVG que denuncian control político no ente.
Torrado acusou ao responsable da CRTVG de ter “discriminado” aos traballadores “por manter unha posición que non lle gusta” e afeoulle que recoñecera hoxe explicitamente que “entre o dereito á información e protexer á marca opta por protexer á marca” da canle pública. Ademais puxo en dúbida que agora presente como argumento que os Premios José Couso sexan concedidos polo Colexio de Xornalistas, onde “non é necesario ser licenciado en Xornalismo”.
O responsable socialista lembrou que este criterio non fora o mesmo que nas 14 edicións anteriores dos premios, e que “primeiro defendan criterios xornalísticos informativos e despois o fagan baseándose en que a decisión ten que ser corporativa”. Ademais, despois de constatar que o propio director xeral forma parte do Colexio de Xornalistas, sinalou que “vostede pertence a unha organización da que considera que non fai ben o seu traballo”.
Julio Torrado resumiu que “non informaron porque os traballadores deixaban en evidencia á súa dirección”, desmentindo a súa mensaxe de que son “un órgano puro de xestión, obxectivo, ecuánime na distribución de informacións e practicamente aséptico: en realidade non o son”. Por iso o rosario de “silencios forzosos, presións, sancións, informacións sempre favorecedoras ao goberno e sempre tendenciosas” contra as que loita #DefendeAGalega.
Resumiu a actual situación de enfrontamento entre os traballadores e a dirección do ente en que “vostede ten un elefante, e non pode saír da habitación nin deixar de pensar nel, e ese elefante chámase #DefendeAGalega”, que representa a uns traballadores que “van gañar esta batalla”.
Contas electorais
O responsable socialista interveu tamén na comparecencia do director xeral da CRTVG para presentar as contas anuais, que Torrado cualificou de “dubidosas” ao presentar “superávit pero ingresando menos”. Denunciou que “as únicas contas que intentan cadrar son as electorais” ao utilizar ao ente como “ferramenta de control informativo e de comunicación ao servizo do goberno”.
Denunciou a falla dunha “aposta real, eficiente e de calidade” e acusounos de “cercenar as liberdades e poñerlles trabas” aos profesionais, derivadas pola campaña de protesta #DefendeAGalega contra o control político do ente, “a pesares de que sexan os que estean salvando á TVG”. Sinalou a redución do 25 por cento nas partidas de formación, que explica que “non importa a redución da calidade nin o investimento, senón o control da información”.
Cualificou as contas presentadas hoxe de “administrativamente dubidosas” por canto manteñen unha previsión de redución de ingresos pero manteñen o superávit e sinalou que “ou tódolos anos se orzamenta mal ou tódolos anos se reduce o investimento constantemente de maneira progresiva”. Explicou que “non entendemos que o superávit como concepto sexa positivo a non ser que responda a un obxectivo funcional e explicable”.