Madrid, 21 de maio de 2019. O secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero, acudiu este martes a Madrid para seguir a sesión constitutiva das Cortes Xerais, unha xornada “histórica” por canto os socialistas galegos contan co grupo máis numeroso ata a data, con un total de 18 integrantes.
Nas pasadas eleccións xerais, como recordou o líder dos socialistas galegos aos medios de comunicación, “fomos a primeira forza en España e tamén en Galicia” co voto de máis de medio millón de persoas.
“Temos 18 socialistas galegos que estarán no Congreso e no Senado defendendo á cidadanía galega e apostando por unha etapa de progreso dirixida por Pedro Sánchez”, enfatizou Gonzalo Caballero.
Ao fío disto, o máximo dirixente do PSdeG puxo o foco en que o vindeiro domingo se elixirán tamén os alcaldes para os próximos catro anos e tamén a composición do Parlamento europeo.
“Nós somos europeístas, progresistas, a esquerda que sabe gobernar e que fixo os maiores avances pola Europa da cidadanía e do benestar”, engadiu, para pedir o voto para a candidatura que encabeza Josep Borrell fronte á “ameaza” que entraña o pacto da dereita coa ultradereita.
MUNICIPAIS
No que atinxe aos comicios locais, Gonzalo Caballero vaticinou que “o PP sufrirá unha debacle absoluta” e que “non vai gobernar en ningunha das sete cidades galegas”, onde verá “un retroceso” no apoio obtido. “Os galegos e as galegas suspendemos a Feijóo e ao PP nas xerais, e volveremos facelo nas municipais”, remarcou.
“Temos as mellores candidaturas para gobernar as sete cidades e o conxunto dos concellos”, engadiu, para avanzar que “os nosos alcaldes e alcaldesas terán maiorías máis amplas” e que os resultados mellorarán “alí onde non gobernamos”. “O PSOE será a forza que creza en número de votos e concelleiros nas cidades”, contrapuxo.