O secretario de Xustiza do PSOE chama a “poner concordia y corazón a un mundo que está perdiendo la cabeza”
Monforte de Lemos, 19 de maio de 2019. O secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero, desprazouse este domingo a Monforte de Lemos en compañía do secretario de Xustiza e Novos Dereitos do PSOE, Andrés Perelló, para participar no mitin de campaña do alcalde, José Tomé.
Dende alí, Gonzalo Caballero apelou a “unha mobilización masiva” de cara ao domingo próximo para obter un novo triunfo nas urnas e frear así “a unha dereita que segue pensando en pactar coa ultradereita”. E é que, como explicou, agora “falan de que están centrados” porque “non lles deron as contas” para investir presidente.
Sobre todo, como apuntou o líder dos socialistas galegos, porque estes pactos “poñen en risco os grandes avances que tivo este país” da man do PSOE e “non podemos perder a senda progreso”. “Non podemos permitir que se cuestione o sistema público de pensións, a sanidade pública, os dereitos das mulleres, o salario mínimo…”.
Ao fío disto, Gonzalo Caballero advertiu de que “nada é irreversible” e erixiu aos socialistas na “mellor barreira de protección fronte ao delirio” da dereita e da ultradereita. “Somos un partido de esquerdas que sabe gobernar e no que se pode confiar”, remarcou.
MONFORTE
En clave local, o secretario xeral puxo en valor a súa labor de José Tomé, ata o punto de que en Monforte “só hai unha referencia e un proxecto de cidade”. “Fronte a el non hai nada”, remarcou.
“O único voto útil para o progreso de Monforte e para que o concello avance fronte ao desastre da Xunta é o voto ao PSOE de José Tomé”, incidiu Gonzalo Caballero, quen situou ao monfortino entre as grandes referencias locais do partido.
Pola súa banda, o secretario provincial do PSOE de Lugo, Álvaro Santos, exhibiu como “aval” para renovar a confianza en José Tomé o vindeiro domingo “os importantísimos proxectos” levados adiante nestes catro últimos anos en eidos como o social, o cultural ou as infraestruturas.
Ao respecto, o alcalde explicou que a política social é “un dos piares” da súa política posto que “un bache pode esperar, pero unha persoa non”, ata o punto de que o concello ten en marcha medidas contra a pobreza enerxética e a prol da creación de emprego na vila.
Iso non impediu, como sinalou José Tomé, facer obras que deixan “unha cidade máis bonita e mellor para vivir”; e facelo cunha boa xestión económica: a débeda reduciuse á metade e “hoxe non hai facturas no caixón”. “Nunca se fixera tanto en tan pouco tempo”, esgrimiu para pedir a confianza dos seus veciños e veciñas.
ELECCIÓNS EUROPEAS
Tamén tomou a palabra no mitin o secretario de Xustiza e Novos Dereitos do PSOE, Andrés Perelló, sinalou que o vindeiro domingo eliximos, ademais dos alcaldes, a composición do Parlamento europeo.
E, neste contexto, o dirixente socialista recordou que todos os avances que temos en España, dende os servizos públicos gratuítos e o sistema de pensións ata a liberdade para casar cada un con quen queira ou para divorciarse, foron impulsados polo PSOE “con la oposición de la derecha”.
Ademais, engadiu, “tenemos que impedir” o avance da extrema dereita porque “Europa está en peligro” en mans destes populismos en auxe. “Tenemos que poner concordia y corazón a un mundo que está perdiendo la cabeza”, apelou Perelló.