A portavoz de Medio Ambiente do Grupo Socialista, Patricia Vilán, acusou hoxe ao goberno galego de ter privatizado a antiga Sogarisa, hoxe Centro de Tratamento de Residuos Industriais –Ctrig-, a pesares de coñecer o ERE e a revisión unilateral do convenio colectivo que ían aplicar os novos xestores. Vilán presentou unha pregunta oral en Comisión na que criticou a “tomadura de pelo” do goberno galego.
Explicou que logo de que a Xunta se desfixera do 10 por cento de participación de Sogarisa en decembro de 2016, polo que pasaría a ser xestionada pola UTE PMA Conteco, esta deixou de ser unha Sociedade Pública para pasar a ser un servizo público de xestión privada. A partir de aí, dixo, “comezaron a ocorrer cousas estrañas”, como o ERE contra 13 traballadores e o cambio unilateral do convenio colectivo a favor da empresa.
A responsable socialista acusou ao goberno galego de coñecer o informe elaborado por HINTD para a reestruturación de recursos da entidade antes de tomar a decisión de desfacerse da súa participación na entidade desentendéndose da situación laboral dos traballadores. O goberno galego evitou entregar o dito informe diante dunha solicitude de información por escrito presentada polos socialistas e que foi reconvertida nunha pregunta oral, debatida hoxe.
Vilán recordoulle á Xunta que a empresa continúa a xestionar un servizo público en base a un contrato público, e por iso está obrigada a facer entrega do documento, co que “se o que din é certo, a empresa está vacilando ao goberno de Galicia” e, engadiu, “o goberno de Galicia estanos vacilando a nós”.
Na súa opinión, a Xunta está a incumprir tanto o Regulamento do Parlamento, que obriga a entregar información, como a Lei de Transparencia e Bo Goberno, que sinala que as empresas que prestan servizos públicos están obrigadas a prestar toda a información á administración, e a xurisprudencia que considera “inadmisible e contraditorio falar de confidencialidade en materia de contratación pública”.
A responsable socialista advirte que o goberno tampouco lle remitiu ao Parlamento información sobre a cantidade de residuos tratados pola empresa a partir de 2016, cando “temos a velada idea de que o número de residuos tratados incrementouse moito dende que a empresa privada comezou a xestionar o servizo”.