A parlamentaria socialista Patricia Vilán esixiulle hoxe ao goberno galego que rehabilite e recupere o fin educativo das Colonias Escolares de Covelo, no concello pontevedrés de A Lama. Vilán presentou unha proposición non de Lei en Comisión para recuperar o inmoble e os 40.000 metros cadrados de terreo “patrimonio natural, social e cultural de tódolos galegos e galegas”, pero que foi rexeitada polo PP.
A responsable socialista pedíalle ao goberno galego que participara nunha Mesa de diálogo para acordar a rehabilitación do espazo, mantendo o seu obxectivo orixinario para destinalo a fins educativos, de ocio e de formación medioambiental. O PP negouse a apoiar esta proposta, así como o apartado no que reclamaba catalogar e protexer ás especies arbóreas da finca que envolven os edificios das Colonias.
As Colonias Escolares son un espazo destinado á función educativa doado en 1936 polo filántropo e masón Manuel Barreiro Cavanelas, logo de fundalas altruistamente dentro da Fundación Padroado das Colonias Escolares de Covelo. As Colonias mantivéronse activas ata o ano 1995, cando foron abandoadas. A Fundación foi finalmente extinguida pola Xunta en marzo de 2018, pasando a ser propiedade do Concello, que non as quere e presentou un recurso contra a decisión da Xunta despois que fixera o mesmo a Asociación de Veciños de Laxedo.
Vilán lembrou que, segundo a autora Rosalía Crego, as Colonias cumpriron unha función educativa de grande importancia, protagonizando unha renovación pedagóxica, integrando unha escola activa e creadora, dotada de obradoiros, en contacto coa natureza e con variadas actividades artísticas, literarias ou musicais.
O espazo ten ademais un gran valor botánico ao incorporar o parque botánico “Florestas” en toda a extensión da finca, con horta, especies arbóreas e plantas traídas de todos os puntos do mundo para que os rapaces aprenderan natureza e botánica, e conta ademais con piscinas de pedra natural.