O candidato socialista en Ourense recalca que “é momento de cambiar” e poñer fin a “un PP en descomposición” que fai agora plantexamentos “sen ton nin son”
Patxi López advirte de que “a extrema dereita vai xunta” ás eleccións comunitarias co reto de “destruír os pilares europeos” e recalca que o PSOE “faralle fronte”
Ourense, 13 de maio de 2019. O secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero, viaxou hoxe ata Ourense para, en compañía do ex-lendakari Patxi López, arroupar ao candidato socialista á alcaldía, Rafael Rodríguez Villarino. Nese escenario, advertiu da posible irrupción da ultradereita e de que o PP non desbotou os pactos con ela.
“O líder suplente de Feijóo di que van buscar que non haxa gobernos progresistas”, recordou Gonzalo Caballero, para sentenciar: “O PP segue esperando por Vox para ver se salva o goberno dalgunha das cidades galegas”.
Por iso, o máximo dirixente do socialismo galego cargou contra “o cinismo político” dos populares, que pretenden ter “poder a costa do que sexa”. “O Partido Socialista será o muro de contención fronte ao retroceso”, resolveu.
Así mesmo, proseguiu Gonzalo Caballero pensando nas eleccións comunitarias, “votar ao PSOE é a mellor forma de defender a Europa da cidadanía, a Europa da inclusión e a Europa dos dereitos sociais por riba dos intereses financeiros e económicos”. “E o futuro de Galicia tamén se xoga en Europa”, remarcou.
Deses comicios falou tamén Patxi López, quen alertou de que “por primeira vez, a extrema dereita vai xunta” co obxectivo de “destruír os pilares europeos”. “Para facerlle fronte, e para apostar pola Europa dos dereitos, das liberdades e das oportunidades colectivas, estamos os socialistas”, concluíu.
OURENSE
En clave local, foi o propio secretario de Política Federal do PSOE quen chamou a “mellorar as enquisas” despois de que Galicia fose “unha das protagonistas principais e das puntas de lanza do triunfo socialista” o pasado 28 de abirl.
Pola súa banda, Gonzalo Caballero destacou unha campaña “sobresaínte” en Ourense e o feito de que Rafael Rodríguez Villarino e o candidato máis valorado nas enquisas.
Finalmente, o propio candidato socialista fixo fincapé en que “é momento de cambiar” e poñer fin a un goberno local do PP que está “en descomposición” e facendo agora “plantexamentos sen ton nin son” tras catro anos nos que nin aprobou uns orzamentos.
Ademais, Rafael Rodríguez Villarino incidiu en que o vindeiro 26 de maio temos tamén a oportunidade de poñer fin á “xestión clientelar” que “a dinastía” dos Baltar leva facendo durante anos dende a Deputación de Ourense, “oprimindo á cidadanía”.