O secretario xeral chama a traballar por “outra maioría de votos progresistas” nas municipais en Galicia, con máis concelleiros socialistas nas sete cidades mentres o PP “baixa”
Moaña, 12 de maio de 2019. O secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero, retomou hoxe a axenda de campaña, tralo pasamento de Alfredo Pérez Rubalcaba, cunha visita a Moaña en compañía da candidata socialista, Marta Freire. Dende alí, prognosticou que “despois do triunfo nas eleccións xerais, estamos en condicións de seguir avanzando fronte ao pinchazo e ao retroceso do PP”.
Nun día no que os xornais publican enquisas que reflicten a subida do PSdeG nas sete cidades, Gonzalo Caballero chamou a “non confiarnos” porque “non queremos gañar as enquisas”, senón que “queremos gañar as eleccións”.
“Nós encaramos a campaña con moita forza e con moita ilusión”, recalcou o líder dos socialistas galegos, quen destacou que o PSdeG-PSOE é “a esquerda que sabe gobernar” e que presenta “os mellores” candidatos e candidatas.
Fronte a isto, Gonzalo Caballero sinalou que “Feijóo está en fóra de xogo” porque “quedou descolocado” tralos resultados do pasado 28 de abril, nos que houbo “unha maioría progresista clara e rotunda”. “O 55% dos galegos e das galegas votaron a forzas progresistas para rectificar e suspender a Feijóo”, recalcou, antes de chamar a traballar por “outra maioría de votos progresistas” o vindeiro 26 de maio.
MOAÑA
Ao fío disto, o máximo dirixente do PSdeG recordou que “Feijóo esqueceuse dos pequenos concellos” e “fracasou” nas súas políticas para o medio rural. Diso falou tamén Marta Freire, quen denunciou a negativa da Xunta a facer o centro de saúde que tiña acordado “cando gobernaba o PP” en Moaña.
Asimismo, Marta Freire, de quen o secretario xeral destacou que se trata dunha muller ”comprometida, preparada e dedicada”, puxo o foco na importancia de mellorar a mobilidade nesta vila e a conexión co mar.
Gonzalo Caballero comezou a súa intervención ante os medios cunhas palabras de recordo para foi secretario xeral do PSOE e chegou a ser vicepresidente do goberno, Alfredo Pérez Rubalcaba, recentemente falecido.