A portavoz de Igualdade do Grupo Socialista, María Pierres, denunciou hoxe a “traizón” do PP aos consensos en materia de igualdade pola súa deriva cara á estrema dereita. A parlamentaria socialista interveu na comparecencia da secretaria xeral de Igualdade, hoxe en Comisión, para defender os acordos no seo da Comisión de Igualdade do Parlamento.
Pierres acusou ao PP de terse “aliñado co máis rancio da política deste país, que incluso alentan a idea dos altos índices de falsidade nas denuncias de violencia de xénero, ou directamente queren bombardear ás leis contra a violencia de xénero”. Nun só ano, dixo, ao PP “deulle tempo de estar con pero tamén contra os principios básicos da igualdade” desde as súas competencias de goberno.
Sinalou que “as diferenzas entre grupos existían e existen, pero os puntos comúns e o empeño por afrontar políticas contra a violencia de xénero era o que en ningún caso se puña en dúbida”. Puntualizou que “agardo que a vostede todos estes bandazos de conviccións lle causaran as mesmas náuseas que a nós”, como lle demostraron “moitas mulleres e homes comprometidos coa igualdade e que dixeron non ás políticas que pretenderon derrubar todo o construído nestes anos”.
A responsable socialista sinalou que o informe anual sobre a violencia de xénero reflicte unha redución do número de chamadas ao 016, cun 4,7 por cento menos en toda España pero unha baixada maior en Galicia, do 12 por cento. Isto sucedeu nun exercicio, o de 2018, no que houbo tres vítimas mortais en Galicia, unha máis que no ano anterior, e no que aumentaron o número de denuncias e de ordes de protección solicitadas e adoptadas en Galicia.
Advertiu ademais que mentres en Pontevedra e A Coruña o 4 por cento das denunciantes renuncian a continuar co proceso, en Lugo hai o dobre de renuncias -8 por cento- e en Ourense o tripla -15 por cento-. Na súa opinión, datos coma estes reflicten un “comportamento moi diferenciado” nesta materia entre os entornos rural e urbano, e reclamou de novo que se invista no rural os máis de 3 millóns de euros adicionais do Pacto de Estado.
Pierres reivindicou ademais que o goberno galego afonde na formación específica do profesorado en materia de violencia de xénero para asegurar “unha formación mínima en igualdade e contra a violencia de xénero en todos os centros de Galicia. Tamén reclamou maior formación dos e das profesionais dos Centros de Información á Muller, así como o incremento da rede de centros CIM no territorio, e a ampliación dos Puntos de Encontro Familiar, ata chegar a lo menos a un por comarca.