A parlamentaria socialista Patricia Otero denunciou hoxe a “discriminación” por parte do goberno galego contra a sanidade da Mariña, nunha “situación deplorable de abandono” por parte do goberno galego. A responsable socialista presentou unha pregunta oral no Pleno do Parlamento na que denunciou a redución de recursos e calidade asistencial na sanidade pública da comarca que cristalizou coa supresión da Área Sanitaria.
Otero criticou que o goberno galego gaste “máis de medio millón de euros en cartelería de hospitais pero sexa incapaz de facer ningunha labor de limpeza e mantemento no Centro de Saúde de Foz”, en condicións de “insalubridade” pola invasión de “verdíns e mofos” na fachada exterior.
A parlamentaria da Mariña esixiu a reposición do técnico de emerxencias sanitarias que lle ten suprimido á ambulancia medicalizada con base en Foz, a única de toda Galicia que suprime un dos dous técnicos dos que dispuña. Reclamou ademais que recuperen a ambulancia asistencial as 24 horas, logo de que en 2011 reduciran o horario á metade, deixándoo en 12 horas.
Otero criticou que o goberno galego responda coa cobertura sanitaria dos helicópteros do 061, cando se atopan fora do tempo mínimo da súa base –isocronas- e ademais ofrecen unha “mera presenza testemuñal” porque “só poden voar con boas condicións de visibilidade”.