O portavoz de Educación do Grupo Socialista, Luis Álvarez, reclamou hoxe un acordo “de país” para actualizar o mapa escolar de Galicia, revisar o modelo de comedores escolares e optimizar o transporte de estudantes. Álvarez defendeu unha proposición non de Lei neste sentido no Pleno do Parlamento que será votada mañá mércores, aínda que o PP xa anunciou o seu veto a esta proposta.
O responsable socialista alertou da “ausencia dunha política de país para garantir que o medio rural dispoña dunha oferta educativa axeitada ás necesidades reais”, polo que reclamou “revisar e adecuar o mapa escolar”. Defendeu neste sentido “abrir un debate colectivo sobre a rede de centros” co obxectivo de acadar un acordo que permita actualizar de forma periódica a distribución de ensinanzas no territorio.
Sinalou casos como os de Cariño, Portomarín, Salceda de Caselas ou Allariz, onde “non hai ningunha autoridade que rubrique a posta en marcha de medidas” para resolver os problemas coa oferta educativa. A falla de criterio, dixo, provoca que en centros coma no IES de Chantada haxa profesores libres de docencia dedicados a cubrir gardas “mentres lle negan ao alumnado o dereito a cursar asignaturas que forman parte da avaliación para a nova selectividade”.
Alertou ademais de configuracións de ensinanzas que fixan como obrigatorio o ensino en educación católica, ou docentes aos que non se lles computa o alumnado repetidor, ou que teñen que afrontar un número excesivo de materias afíns.
Álvarez ironizou cunha Consellería de Educación “entregada á posta en marcha de programas de excelencia”, como a “ocorrencia da Rede de FP Dual, con “46 centros seleccionados e 46 profesores que non van impartir unha sola hora de clase” como consecuencia dunha “rede publicitada, seleccionada e posta en funcionamento en apenas 17 días”.
Reclamou “revisar e adecuar ás necesidades reais o mapa escolar de Galicia”, así como “revisar o modelo de comedores escolares” para acadar “unha cobertura suficiente e cos parámetros de calidade axeitados, implantando un modelo sostible e coa participación necesaria da Administración local”. Urxiu a resolver as “irregularidades” e o “cuase caos” provocado polo decreto de comedores de 2013, “posto en marcha sen o marco normativo adecuado”.
Finalmente, os socialistas galegos reclamaran “aproveitar con maior eficiencia o servizo de transporte escolar, e facelo accesible ao alumnado do rural que desexe cursar ensino post obrigatorio e non dispoña dun servizo regular de transporte”.