O portavoz de Educación do Grupo Socialista, Luis Álvarez, lamentou hoxe o veto do PP a unha moción socialista para recuperar os horarios lectivos que tiña o profesorado non universitario antes das ordes da Xunta de 2011 e 2012. O responsable socialista lembrou que daquela o goberno galego aumentou de 21 a 25 horas lectivas, rompendo unilateralmente o acordo asinado coas organizacións sindicais en 2007.
O responsable socialista denunciou que “invitou Educación e pagaron os docentes cun incremento horario” que reduce as horas dispoñibles para funcións á marxe de dar clase. Álvarez referiuse a que, ademais das horas lectivas, os docentes teñen que atender titorías, seminario, claustro, preparación de docencia, coordinación pedagóxica, actividades complementarias e extraescolares, atención a mestres en prácticas e formación.
Sinalou que “nada impide que volvamos ter un marco horario semellante ao que había antes da orde da Consellería de Educación de 2012, xa que a Xunta de Galicia ten plena capacidade legal para fixar os ditos horarios e tamén para contratar máis persoal.
Advertiu que a Consellería de Educación está a contratar cada ano 1.100 profesores menos dos que ten previstos nos Orzamentos, co que “o seu argumento reclamando máis orzamento do Estado non vale”. Sinalou que “se o seu orzamento é capaz de soportar esa cantidade de profesorado, é razoable supoñer que se poderá dotar ao sistema educativo dese número de docentes”.
Sinalou que o goberno galego reduciu o corpo de docentes en torno ás 1.400 prazas entre os cursos 2010 e 2018, e explicou que “se os seus orzamentos soportan 1.100 profesores máis é posible recuperar os horarios”. Limitou a decisión a unha “cuestión de vontade política que non vamos atopar no PP”.