A ministra de Economía destaca “o resultado histórico” do PSOE en Galicia e chama a repetir a mobilización das xerais “para conseguir que a transformación chegue aos concellos”
Santiago, 5 de maio de 2019. O secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero, estivo hoxe en Santiago coa ministra de Economía, Nadia Calviño, para arroupar aos candidatos e candidatas da bisbarra compostelana ás vindeiras eleccións locais. “O partido xa está traballando en clave de municipais”, sinalou, cando se cumpre unha semana do “triunfo histórico” dos socialistas en España e en Galicia.
Nese escenario, tras un paseo pola alameda compostelana, o líder dos socialistas galegos ironizou con que Feijóo e Casado estiveron onte xuntos “celebrando o éxito do PP” nas pasadas xerais nunha comida popular.
“Seguen coa estratexia do avestruz, de esconder a cabeza para non asumir o seu erro, e tentando dicir que queren virar ao centro”, remarcou, consciente de que “agora din que non querer estar na extrema dereita porque non lles dan os números”. “Porque en Andalucía seguen gobernando cos votos de Vox sen ningunha rectificación”, evidenciou Gonzalo Caballero.
Por iso, o máximo dirixente do PSdeG reprobou o seu “cinismo”. “O PP vai usar os votos de Vox cando lle sirvan, e renunciará se non lle dan as contas”, incidiu, para advertir de que “non podemos esquecer os riscos” que entrañan os seus pactos.
Máis alá disto, Gonzalo Caballero destacou que “é un pracer” estar hoxe compartindo coa ministra de Economía “o triunfo do socialismo galego e o avance do PSdeG”, que por primeira vez nunhas eleccións xerais acadou o primeiro posto na orde de preferencias dos galegos. “Ábrese un novo tempo político”, recalcou, en compañía tamén do presidente do PSdeG e voceiro parlamentario, Xoaquín Fernández Leiceaga.
“TEMOS MOI BOS CANDIDATOS”
Ao respecto, Nadia Calviño corroborou que “é un pracer encontrarme cos compañeiros do PSOE de Galicia para celebrar con eles o resultado histórico que tivemos” e chamou a “empezar a animarnos para o lanzamento da campaña” das municipais e europeas.
“Son unhas eleccións moi importantes, porque España se constrúe dende os concellos e temos moi bos candidatos”, subliñou a ministra coruñesa.
Ademais, puxo o foco na importancia da participación nesta nova cita coas urnas. “O máis importante é que a maioría social que se mobilizou nas xerais tamén o faga para conseguir a transformación a nivel dos concellos”, resaltou.
“Temos que ratificar que o noso país é proeuropeo, progresista e feminista, porque nos xogamos moito”, finalizou a ministra de Economía.