O portavoz do Grupo Socialista, Xoaquín Fernández Leiceaga, criticou hoxe as “vacilacións” amosadas polo presidente da Xunta á hora de apoiar ao feminismo. O responsable socialista lembrou que de acordo coa RAG o feminismo é a “doutrina que defende a igualdade de dereitos entre o home e a muller” e criticou os intentos do PP de impoñer “adxectivos, reservas ou matizacións sen sentido”.
O responsable socialista reclamou “claridade na defensa dos valores do feminismo” dende a acción política fronte a un Feijóo que dubida “entre sumarse á maioría e defender o feminismo e o galeguismo ou aceptar as posicións de Pablo Casado, dirixido por Santiago Abascal”. Censurou así a “posición crítica” dos conservadores, que optan por “introducir reservas, marcha atrás e adxectivacións” ao feminismo.
Fernández Leiceaga lamentou as tres vítimas da violencia machista rexistradas esta fin de semana e recuperou as demandas trasladadas na folga das mulleres do pasado venres en demanda de “seguridade, protección, que a súa vida non dependa de que teñan que volver soas a casa, ou saír facer deporte sen compañía, que non estean condicionadas por medo ás agresións”.
Sinalou así que a primeira obriga dos poderes públicos é garantir a súa seguridade e apuntou á oportunidade que ofrece o Pacto de Estado contra a Violencia de Xénero como ferramenta útil neste sentido. Os socialistas reclamaron o compromiso dos poderes públicos na busca da igualdade efectiva, que pasa tamén pola igualdade salarial e laboral, e por impulsar medidas de apoio á corresponsabilidade e conciliación.
Explicou que os socialistas galegos “temos unha posición nítida a favor de impulsar un aumento dos dereitos das mulleres na busca da igualdade entre homes e mulleres” e claramente “a favor do movemento feminista”. Chamou á dereita a sumarse a un valor, o do feminismo, que debera ser transversal en tódalas opcións políticas, fronte a un Feijóo que “se move en función das consecuencias electorais” e unha dereita que ve “con resistencia” o avance da muller.
Tristura
O portavoz socialista trasladou a súa “tristura” polas vacilacións amosadas polo presidente da Xunta que “debera ser capaz de defender as nosas normas e principios comúns con valentía e rotundidade”. Lamentablemente, dixo, “non sabemos se é ou non feminista, non se sabe se o galego é un requisito ou un mérito –nas oposicións a traballador autonómico-” e dubidan á hora de defender o autogoberno ata o punto de absterse na petición da transferencia de Tráfico.
Fernández Leiceaga subliñou que “non estamos en tempo de titubeos nin de cortiñas de fume, senón de claridade e de defender con unidade os valores que defenden a liberdade democrática e a igualdade de dereitos entre todos”.