O portavoz do Grupo Socialista, Xoaquín Fernández Leiceaga, esixiulle hoxe á Xunta unha inxección urxente de recursos e a mellora na xestión da sanidade pública, así como “garantías de estabilidade” para os profesionais. Así o dixo na visita ao Ambulatorio Virxe da Peregrina, de Pontevedra, xunto cos representantes institucionais e orgánicos dos socialistas na comarca para denunciar as consecuencias de “10 anos de parálise e bloqueo” na calidade asistencial.
O responsable socialista reclamoulle hoxe ao presidente da Xunta que vaia máis alá da “representación dun cambio de política” con relación á sanidade pública. Para iso, dixo, “ten que ir acompañado de compromisos específicos, recursos e a aceptación das demandas dos colectivos profesionais que lle están a dicir que non é suficiente.
Fernández Leiceaga lembrou que o presidente da Xunta é o único responsable de ter eliminado en primeiro lugar ás xerencias sanitarias, polo que “hai que repoñer as xerencias par darlle á Atención Primaria o peso que debe ter no organigrama do Sergas”. Esixiu garantías de “que o novo contrato que se lles ofrece aos profesionais non sexa só un caramelo” e debe ir acompañado de “garantías de estabilidade” e de atender ás reivindicacións dos xefes de servizo dos PACs
Sinalou que a sanidade pública atópase, logo de 10 anos de xestión de Feijóo, en “estado de alerta” derivado dos recortes drásticos e dun “déficit de planificación moi marcado” e sen atender ás advertencias dos socialistas fronte á carencia de pediatras por exemplo. Lembrou que “tardamos 10 anos en formar un especialista, e levamos moito tempo alertando da carencia” destes profesionais.
Advertiu que “unha década de axuste non pode cargar tan só sobre o entusiasmo, o compromiso e a dedicación dos profesionais”, que afrontan a falla de recursos, o déficit asistencial e uns servizos de baixa calidade mentres a cidadanía demanda máis e mellores servizos sanitarios. Sinalou que a precariedade contractual e a falla de expectativas dos profesionais provoca que marchen ao exterior, e a falla de xestión e a descoordinación redunda na caída da calidade do servizo.
Os socialistas galegos visitaron hoxe a comarca de Pontevedra logo de visitar Ortegal ou A Mariña para constatar que “os problemas se repiten en toda a xeografía de Galicia”, cun sistema que deixa sen cubrir as baixas ou vacacións de médicos, así como as xubilacións de pediatras, e adoece de problemas de planificación como o Hospital de Pontevedra.
Pontevedra
A parlamentaria socialista Patricia Vilán anunciou hoxe que o próximo Pleno do Parlamento incluirá unha pregunta oral sobre a situación específica da sanidade en Pontevedra. Lembrou que a comarca une os problemas da sanidade rural e urbana, como o déficit de infraestruturas de Poio, que “necesita dun Centro Social de Anafáns novo, mentres a Consellería vacila ao Concello dándolle largas dicindo primeiro que habería un novo, logo que ían ampliar e agora non se sabe”.
Tódolos concellos do rural, dixo, comparten “o problema do déficit de persoal na medicina de Familia e Pediatría”, como é o caso de Soutomaior, onde “teñen que ir a Vilaboa a levar aos nenos e nenas de urxencias ou nas fins de semana”. En Pontevedra capital, engadiu, “a situación represéntase no Ambulatorio Virxe da Peregrina, onde hai nu mes caeu o teito no último piso, manteñen un só ascensor e a extracción de sangue semella unha feira de gando”.
Acusou ao presidente da Xunta de provocar 10 anos de paralización en espera pola ampliación do Hospital de Montecelo, logo de que Feijóo desbotara o proxecto preparado polo goberno presidido por Emilio Pérez Touriño, e onde “seguimos a agardar por saber se vai haber aparcadoiro público ou que van facer co Hospital Provincial”.
Leiceaga e Vilán estiveron acompañados na súa visita polo portavoz de Sanidade no Parlamento, Julio Torrado, representantes do Grupo Socialista no Concello de Pontevedra e as candidatas socialistas en Forcarei –Verónica Pichel-, Soutomaior –Verónica Montero-, Cerdedo – Cotobade –Lina Garrido-, e Poio –Chelo Besada-, así como o alcalde de Pontecaldelas –Andrés Díaz-.