O portavoz de Educación do Grupo Socialista, Luis Álvarez, puxo hoxe en cuestión o obxectivo do goberno galego de acadar os 5.000 alumnos en FP Dual no curso 2020 – 2021. No debate dunha pregunta oral en Comisión, considerou que esta meta resulta irreal por canto no curso actual hai 937 alumnos matriculados, apenas o 20 por cento dos previstos.
Álvarez instou á Xunta a aclarar os obxectivos sobre o número de matriculados en FP dual nunha pregunta realizada ao Director xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa, a quen lle reclamou que “modifiquen os prazos e os adapten á realidade”. Reclamou unha maior eficacia na execución dos orzamentos do goberno galego para este tipo de formación, que pasaron de 400.000 a 750.000 euros entre 2018 e 2019.
O parlamentario socialista destacou que as memorias que acompañan os orzamentos da Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional, inclúen “declaracións de intencións” que apostan por “unha maior colaboración e participación das empresas nos sistemas de formación profesional”. O obxectivo é mostrarlles a formación “cada vez máis adaptada ás demandas dos sectores produtivos e ás necesidades específicas das empresas”.
FP Dual
O Real decreto 1529 estableceu as bases da formación profesional dual no sistema educativo e entendéndoa como o “conxunto de accións formativas que teñen como obxecto a cualificación profesional das persoas, combinando os procesos de ensino e aprendizaxe na empresa e no centro de formación”.
Lembrou que a principal finalidade deste decreto é incrementar o número de persoas que poidan obter un título de ensino secundario post-obrigatorio ou conseguir unha maior motivación do alumnado e diminuír o abandono escolar temperán. Tamén busca facilitar a inserción laboral como consecuencia dun maior contacto coas empresas, incrementar a vinculación e corresponsabilidade do tecido empresarial.
Outros dos seus eixos son potenciar a relación do profesorado de formación profesional coas empresas do sector e favorecer a transferencia dos coñecementos e, finalmente, obter datos cualitativos e cuantitativos que permitan a toma de decisións en relación coa mellora da calidade da formación profesional.