A deputada socialista Loli Toja desprazouse hoxe a Madrid xunto coa portavoz de Cee, Margot Lamela, e o Comité de Empresa de Ferroatlántica, para analizar a situación da empresa e do sector das ferroaleacións xunto co director xeral de Industria, Galo Gutiérrez. A responsable socialista sinalou o esforzo realizado polo goberno de Pedro Sánchez para elaborar o Estatuto do Consumidor Electrointensivo, a piques de ser aprobado.
A responsable socialista sinalou que o texto do Decreto, xa redactado e enriba da mesa, suporá unha redución de entre un 10 e un 15 por cento do prezo do megawatio de enerxía, fundamental para garantir a viabilidade das empresas que operan neste sector.
Toja dirixiuse dende Madrid ao goberno galego para que se sume aos esforzos do goberno de España na busca de solucións ao problema da enerxía, que neste caso afecta a unha empresa fundamental para Cee e Dumbría. Reclamoulle ao goberno galego que realice “tódolos esforzos posibles” para esixirlle á empresa que cumpra co compromiso de investimentos previstos e se implique na busca dunha solución de estabilidade para a empresa.